HP abandona os seus produtos con webOS

xoves, 18 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Hai cousa dun ano HP pagou 1.200 millóns de dólares por Palm, nunha adquisición xustificada polo feito de que coa empresa en decadencia incluíase o seus sistema operativo webOS, que podería servirlle como base para avanzar no sector dos móbiles e dos tablets, pero finalmente non parece que fixeran un bo negocio, pois HP vén de confirmar que vai cesar a súa liña de dispositivos con webOS, concretamente o tablet HP TouchPad e os móbiles HP Pre3 e HP Veer, aínda que matizando que explorarán opcións para poder continuar a tirar proveito do webOS.
Nos últimos meses dende HP desmentiron varias veces os rumores que apuntaban a que o HP TouchPad estaba a ter unha acollida moi mala (comentan que o número de unidades vendidas podería non chegar ao 10% das distribuídas), o que os levaría a abandonar o produto, pero que finalmente parecían ter bos alicerces, como demostra o que moitos xa consideran como a morte de webOS (aínda que é posible que algún outro fabricante decida integrar este sistema operativo nos seus equipos).

PUBLICIDADE