Grande afluencia de público na presentación do libro de Ineo

xoves, 17 de decembro do 2009 Raquel Noya

O libro Sistemas de Información; Ferramentas prácticas para a Xestión, vén de ser presentado diante de preto dun cento de directivos e representantes de empresas pertencentes aos diferentes sectores produtivos galegos, entre os que destacou o sector TIC.
Nesta publicación, da que demos conta onte en Código Cero, analízase como as novas tecnoloxías se converteron no “soporte fundamental” para a xestión de calquera organización e para o aumento dos niveis de produtividade e competitividade de calquera empresa.
A utilidade da publicación vén dada principalmente polo seu carácter funcional e práctico, dende a perspectiva da aplicación real das TIC nas empresas e non dende un punto de vista puramente tecnolóxico.
Trátase dun libro que tivo unha extraordinaria acollida no ámbito académico e que actualmente se emprega como libro de referencia en máis de 50 Universidades de España e Latino América en carreiras como Empresariais ou Enxeñarías.
Dada a importancia da publicación para o sector de Novas Tecnoloxías e para o conxunto do empresariado galego en xeral, o acto contou coa presenza da máxima responsable do goberno autonómico en materia de modernización tecnolóxica, a Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica de la Xunta de Galicia, Maria del Mar Pereira.
Un acto celebrado en Vigo, no edificio de Oficinas do Consorcio da Zona Franca e organizado por Ineo a asociación TIC de referencia en Galicia, que agrupa 84 empresas do sector das Novas Tecnoloxías. Tal e como afirmou o presidente da asociación, Jorge Cebreiros, "as TIC convertéronse no máis importante motor de desenvolvemento económico e só as empresas que aposten fortemente pola modernización e a innovación van poder sobrevivir no contexto do mercado actual".
Os propios autores do libro, Álvaro Gómez e Carlos Suárez, foron os encargados de describir máis en detalle os contidos e a utilidade dun libro co que “tratan de dar resposta ás cuestións que se formulan moitos directivos en relación coas aplicacións que se requiren na xestión empresarial" e que foron recollendo ao longo dos últimos anos grazas ao traballo e ao contacto permanente cunha gran cantidade de empresas.

PUBLICIDADE