Google presenta un servizo para xestionar as comunicacións de voz

xoves, 12 de marzo do 2009 Marcus Fernández

En xullo de 2007 Google adquiriu a compañía GrandCentral para entrar no mercado da voz, o que veñen de concretar lanzando unha versión de adianto do servizo Google Voice, unha aplicación que axudará a administrar as comunicacións de voz e que polo momento só poderán probar os usuarios actuais de GrandCentral.
A nova aplicación mellora o xeito de utilizar o teléfono, podendo realizar transcricións das mensaxes que se reciban no contestador automático e almacenar as mensaxes de texto enviadas e recibidas, o que facilitará a busca entre as mesmas. O servizo tamén inclúe chamadas internacionais de baixo custo e un acceso doado o servizo de información telefónica Goog-411.
GrandCentral permite aos seus usuarios ter un único número telefónico en casa, no traballo e no móbil, xunto cunha caixa de voz unificada e accesible vía web, pero grazas a Google Voice este servizo gaña en prestacións, pero polo momento non se coñecen plans de internacionalización do servizo.


Presentación das posibilidades de Google Voice

PUBLICIDADE