Google abre o SDK de Chromecast

luns, 3 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Xa hai medio ano da presentación do Chromecast, e continúa a ser un produto que permanece afastado do noso mercado, aínda que tal cousa podería rematar en breve, pois este trebello deseñado para levar os contidos da Rede ao televisor a través de HDMI, facendo que televisores sen funcionalidades de Smart TV poidan gozar do streaming de YouTube e numerosas plataformas de vídeo en liña, por fin ábrese aos desenvolvedores coa publicación do Google Cast SDK, o que facilitará a creación de aplicacións compatibles con este produto.
Este SDK non é para construír aplicacións dende cero, senón para integralo en aplicacións existentes, de xeito que aplicacións para iOS e Android actuais poderán adaptarse para poder remitir os seus contidos ao Chromecast para a súa reprodución, de xeito que é de agardar que nas primeiras semanas numerosas plataformas de vídeo en liña adapten as súas aplicacións móbiles para facelas compatibles co pequeno dispositivo de Google, que facilitará o goce dos seus contidos a pantalla completa no televisor, empregando o smartphone ou o tablet a xeito de mando a distancia.
Aínda que o principal uso do Chromecast sexa a reprodución de contidos multimedia, tamén é posible empregalo para amosar contidos desenvolvidos con tecnoloxías web, polo que o potencial deste trebello aínda está moi lonxe de explotarse, polo que teremos que agardar para ver o proveito que os desenvolvedores saben tirar desta tecnoloxía.
O Google Cast SDK está dispoñible dende hoxe para iOS, e nos vindeiros días estreará a versión para Android como parte dos servizos da actualización 4.2 de Google Play (que está a distribuírse estes días entre dispositivos Android).

PUBLICIDADE