Google Play reducirá as comisións para os pequenos desenvolvedores

mércores, 17 de marzo do 2021 Marcus Fernández

A comisión que cobran compañías como Apple e Google nas súas tendas de aplicacións é unha fonte de conflitos que nos vindeiros meses poderían traducirse en fortes sancións de entidades como a Comisión Europa, de aí que os xigantes tecnolóxicos flexibilizasen lixeiramente as súas condicións, e co comezo do ano Apple reduciu as comisións dos pequenos desenvolvedores do 30% ao 15%, e agora Google fai o propio e a partir do 1 de xullo reducirá as comisións de Google Play ao 15% para a venda de bens dixitais e servizos para o primeiro millón de dólares facturados.
O 99% dos desenvolvedores beneficiaríanse deste cambio de política da tenda de aplicacións de Google, reducíndose á metade as comisións que teñen que pagar, co que Google busca que poidan ter máis doado medrar, xa que ese incremento de ingresos pode axudar á contratación de persoal, a ampliación de servidores ou incluso gastos en publicidade.
Cómpre salientar que tanto no caso de Apple como no de Google este recorte de comisións é moi pouco significativo, xa que segundo estimacións os pequenos desenvolvedores xerarían menos do 5% da facturación das tendas de aplicacións, polo que o axuste das comisións parece principalmente unha medida para mellorar a imaxe das compañías de cara ao público e dos lexisladores.

PUBLICIDADE