Google Docs e Sites deixarán de soportar os navegadores web obsoletos

luns, 1 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Os vellos navegadores web son un auténtico problema tanto para o desenvolvemento de páxinas web como para a seguridade da Rede, de aí que dende Google decidiron comezar a deixar de dar soporte a versións antigas dos navegadores actuais dende Google Docs e Googles Sites inicialmente (irán trasladando esta política a outros servizos da compañía), de xeito que a partires do 1 de marzo será preciso acceder a estes servizos dende, coma mínimo, Internet Explorer 7, Firefox 3, Chrome 4 ou Safari 3, de querer acceder ás funcións que vaian desenvolvendo e para un uso axeitado destes sistemas, dicindo así adeus ao Internet Explorer 6, navegador que ata Microsoft recomenda deixar de lado.
Está claro que o buscador de Google e servizos coma Gmail tardarán moito en abandonar o soporte de vellos navegadores web, porque seguen a ter un peso importante, pero os usuarios que non queiran sorpresas, deberían ir pensando en cambiar de navegador no caso de estar a utilizar unha versión obsoleta.

PUBLICIDADE