Galiciadixital recala na sede de ASPANAS en Ourense

venres, 10 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A mostra Galiciadixital segue adiante co seu itinerario pola nosa xeografía, centrada na súa máis recente andaina en dinamizar, no plano do lecer tecnolóxico, os emprazamentos onde é máis precisa a dinamización tecnolóxica. É nesta liña onde se insire a nova sede da mostra itinerante (alén da que posúe en San Mariño Pinario, en Santiago): a sede de ASPANAS en Ourense. Deste xeito, Galiciadixital achegará neste local e durante os vindeiros días os seus contidos e ferramentas de costume, entre os que se contan os xogos cos aerodeslizadores en Compostela (percorridos virtuais pola cidade a velocidade de vertixe) ou co canciño Axóuxere.
A mostra, organizada pola Secretaría Xeral de Medios, foi inaugurada este venres polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez. Durante o acto de apertura, Martínez salientou que todo o que se ofrece na mostra foi desenvolvido por empresas e universidades galegas á procura de novos espazos de interactuación virtual. Asemade, amosou a súa satisfacción porque a exposición fose dar desta volta a un centro que dá acubillo a persoas con diversidade funcional, ASPANAS. Na inauguración tamén participou o director de Comunicación da CRTV, Fernando Ojea, quen aproveitou a ocasión para lembrar que este ano é o da celebración do 25 aniversario da TVG, feito que se está a conmemorar arreo a través de Galiciadixital.

PUBLICIDADE