GaliciaTIC pon o foco na importancia do sector dixital para resolver os grandes retos actuais

mércores, 6 de outubro do 2021 S. P.

A 19 edición do foro tecnolóxico GaliciaTIC inaugurouse este 6 de outubro, a primeira hora, abordando a importancia estratéxica do sector dixital para abordar os principais desafíos sociais, económicos e medioambientais que consideramos prioritarios e máis urxentes. O foro, organizado pola asociación Ineo, inaugurouse na Cidade da Cultura cunha mesa redonda sobre os desafíos da nosa terra o que participaron representantes da Xunta de Galicia e da iniciativa privada.
Na mesa os participantes abordaron cuestións como o rumbo dixital europeo, a planificación dos fondos Next Generation, a xestión do talento, a sustentabilidade e a consideración do sector TIC como sector estratéxico. Interviron Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Norberto Penedo, director de Competitividade do IGAPE; Luis A. Álvarez-Sestelo, presidente de Ineo; Carlos Suárez, director xeral de Edisa, e Fernando Vázquez Núñez, director executivo (CEO) de Imatia.
“Vivimos un cambio de paradigma, un momento clave no que xoga un papel fundamental o sector tecnolóxico: enfrontámonos ante o reto xigantesco de orientar os fondos europeos”, sinalou Mar Pereira antes de indicar que a Xunta de Galicia traballa nunha estratexia integral para toda a década acorde aos alicerces do chamado “compás dixital europeo”, unha brúxula que se sustenta, dixo “no investimento en talento, en infraestrutura, en adaptación dixital das administracións e das empresas”.
Pola súa banda, Norberto Penedo afondou no plan autonómico para os próximos anos. “Temos dúas políticas concretas: transformación dixital e sustentabilidade”, resumiu o representante do Instituto Galego de Promoción Económica.
Desde a iniciativa privada, tamén se achegou un punto de vista respecto diso dos fondos europeos de resposta comunitaria ante a crise da pandemia. “Podémonos atopar co risco de que estes enormes fondos non cheguen a executarse por seguir unha estratexia de proxectos; temos o problema de que as nosas empresas son empresas de servizos e proxectos, pero moi poucas o son de produto”, dixo Fernando Vázquez Núñez, antes de sinalar que atravesamos “unha tormenta perfecta” na que inflúen elementos como a competencia global; a aceleración dixital ou a crise do talento.
Pola súa banda, Álvarez-Sestelo subliñou a necesidade de cambiar a visión que tanto a administración como a sociedade teñen do sector tecnolóxico: “Considérase un sector transversal ou de apoio a outros sectores tradicionais, pero é un ámbito que debe ser considerado estratéxico, clave”. Respecto dos fondos europeos, mostrou a súa preocupación en que acaben por ser usados en infraestruturas e non se orienten ao valor que xeran as empresas: “É dicir, que non se empreguen para a transformación, senón para tapar buracos”.
Pola súa banda, Carlos Suárez profundou na situación actual do sector TIC, así como na súa percepción xeral. “Antes o sector tecnolóxico tiña un perímetro, agora este perímetro esluíuse e o traballador deste perfil intégrase en empresas de todos os ámbitos, na administración; iso provoca que como sector teñamos o reto de captar e manter o talento”.
Programa do xoves
Tras a mesa inaugural, Senén Barro, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago, ofreceu un relatorio maxistral sobre o futuro inmediato da Intelixencia Artificial. A partir de aí, sucedéronse webinarios e diferentes mesas temáticas dentro dun programa diverso que continuará este xoves 7, xornada de despedida desta 19ª edición de GaliciaTIC.
A actividade da xornada do 7 de outubro comezará ás 10.00 h. cunha conferencia a cargo de Olivier Perard, de Oracle, que versará sobre o desenvolvemento de aplicacións Cloud Native e Intelixencia Artificial. Xa ás 10.45 h. celebrarase unha mesa temática sobre as sinerxías entre a esfera pública e a privada para a consecución dos obxectivos da dixitalización. Entre as 12.45 h e as 13.00 h. sucederanse seminarios en liña sobre a atención social dixital ou a automatización intelixente da administración pública.
A última sesión antes do peche de conclusións dedicarase a diferentes casos de éxito empresariais na transformación dixital e á presentación da Oficina Acelera PEME que xestionará INEO até maio de 2023 tras ser seleccionada por Red.es para asesorar e impulsar a dixitalización de empresas do sur de Galicia a través dunha Oficina Virtual e mediante as dúas sedes físicas que se abriron en Vigo e Ourense.

PUBLICIDADE