Galicia acolle por vez primeira o máis importante congreso sobre IA lingüística do eido lusófono

mércores, 13 de marzo do 2024 S. P.

A décimo sexta edición do Congreso Internacional sobre Procesamento Computacional do Portugués (PROPOR-2024) ten lugar en Galicia por primeira vez na historia. Trátase do evento principal no ámbito do Procesamento da Linguaxe Natural e a Intelixencia Artificial (IA) arredor do portugués escrito e falado.
Segundo informou a Secretaría Xeral de Política Lingüística, entidade colaboradora de PROPOR, “o galego vai adquirir neste evento un destacado protagonismo, xa que, tamén por primeira vez, está presente con numerosos traballos centrados no procesamento automático da lingua propia, como é o caso dos que se desenvolven no marco do Proxecto Nós”.
Na sesión inaugural, o vicerreitor de Profesorado da USC Ernesto González Seoane trazou un percorrido histórico pola xeración Nós, inspiradora do nome do Proxecto Nós co que se pretende dar pulo á presenza dixital do galego. Na súa intervención, o vicerreitor detívose “nesta xeración de intelectuais que abriu o galego ao mundo e a campos antes prohibidos nun diálogo permanente e prioritario con Portugal”.
Tamén interveu a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, que salientou a promoción do galego levada a cabo por moitas persoas, grupos e empresas e que axuda a comprender o éxito deste foro, situando Galicia no mapa da IA galega-lusa-brasileira e máis alá.
A seguir, o decano de Filoloxía e director da Rede Galabra, Elias J. Feijó, fixo un percorrido histórico da lingua galega dende a Idade Media até os nosos días e por todas as manifestacións culturais, sociais e políticas máis relevantes. Destacou, asemade, “a importancia deste reencontro coa familia lingüística natural, a galega-portuguesa-brasileira”.
Na apertura oficial do evento tamén participou o secretario xeral Valentín García, que salientou a importancia da chegada deste congreso a Galicia “xa que, como galegos, sentímonos fortemente unidos aos nosos irmáns lusófonos, tanto portugueses como brasileiros ou angolanos”. Ademais, o representante autonómico destacou que é “fundamental para o futuro da lingua galega asegurar a súa presenza nos dispositivos de Intelixencia Artificial”. Neste senso, subliñou os avances do Proxecto Nós, “a gran aposta do Goberno galego e da USC para incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais”, no que ambas entidades colaboran desde hai case tres anos.
O congreso, que reúne preto de 150 investigadores na materia, a maioría procedentes de Portugal e do Brasil, desenvólvese na Cidade da Cultura ata este venres baixo a organización do CiTIUS, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, entre outras entidades.
Baixo coordinación do equipo de investigación do Proxecto Nós, PROPOR-2024 conta con 70 comunicacións científicas, que inclúen presentacións orais e pósters, ademais de varios eventos asociados: catro obradoiros, dous titoriais, unha sesión de demostradores, unha xuntanza industrial e dúas mesas redondas.
A primeira das mesas redondas, presidida polo enxeñeiro José Ramon Pichel, está dirixida ás empresas tecnolóxicas, mentres que na segunda, que conta coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, se debaterá cuestión de política científica á volta da IA e da lingua galega/portuguesa baixo a moderación do profesor António Branco.
Ademais, o congreso conta coa participación de tres relatores convidados: Elías Feijó, decano de Filoloxía da USC, que fai unha radiografía da historia da lingua galega/portuguesa desde diferentes puntos de vista; Gemma Boleda (Universidade Pombeu Fabra), que se centra no estudo dos cambios léxicos, e Marta Ruiz Cosa-Jussà (Meta Al-París), especialista en métodos de avaliación de modelos de tradución.
Por último, PROPOR-2024 tamén lles ofrece ás persoas asistentes distintas actividades socio-culturais, como a actuación de Quico Cadaval ou o concerto de Laura LaMontagne.

PUBLICIDADE