GOI, o BlaBlaCar da paquetería, da man dunha galega

mércores, 16 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Encabezada pola moza galega Yaiza Canosa chega “a primeira plataforma mundial que conecta transportistas particulares e profesionais con xente que precisa enviar obxectos”, GOI, que busca ofrecer rapidez, aforro e sustentabilidade entre outras vantaxes, tanto para o transporte como para as mudanzas, no que podería considerarse como unha versión de sistemas como BlaBlaCar, na que o espazo sobrante dos vehículos en vez de ocupalo outros pasaxeiros aprovéitase para cargas de todo tipo.
GOI permite optimizar e gañar cartos co espazo sobrante nos vehículos, tanto de condutores particulares como de transportistas profesionais, funcionando polo momento vía web, pero estando xa en preparación (que posiblememente vexa a luz o vindeiro luns) a súa aplicación móbil para facer aínda máis práctico o uso desta plataforma que conta xa con máis de 20.000 usuario e prevé medrar tanto a nivel estatal como internacional (enfocándose principalmente en España e Latino América).
Dado que estamos ante un servizo en liña que se limita a pór en contacto persoas para pactar un transporte, dende GOI dan unha serie de consellos para os seus usuarios como pedir o DNI á outra persoa, cubrir un modelo de contrato para formalizar a operación, non transportar paquetes con contidos descoñecidos e pactar dun xeito claro o lugar de recollida e destino, ou sexa as precaucións mínimas para que este sistema funciona coa mesma fiabilidade que un servizo de transporte tradicional, co detalle de que neste caso serán as valoracións dos usuarios os que fixarán o nivel de fiabilidade de cadaquén, servindo este elemento social para mellorar o servizo.
Polo momento GOI non cobra polo seu traballo de intermediación, xa que centra a súa actividade actual en incrementar o seu número de usuarios, que actualmente están repartidos principalmente entre Madrid e A Coruña. Os prezos dos transportes os fixan os propios usuarios, e tenden a estar entre os 3 e 7 euros, en función do volume do obxecto transportado, resultando especialmente atractivo o servizo “para levar cousas delicadas e pesadas”, ou sexa, aquel tipo de obxecto que pola súa fraxilidade ou tamaño puidese resultar demasiado vulnerable ou caro o seu transporte mediante un servizo de paquetería tradicional.

PUBLICIDADE