GALPon e A Industriosa mostran en setembro os segredos dos téxtiles smart

venres, 2 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

A comunidade GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra), en colaboración coa Industriosa, vai organizar o vindeiro 14 de setembro un obradoiro con feitura de hackathon sobre o mundo de posibilidades creativas e comerciais que se abren cos e-Téxtiles, que é como se coñece os téxtiles que inclúen elementos electrónicos (como pequenos computadores ou unidades de memoria) e que teñen capacidade para interactuar, recibir ou achegar información (xermolos do que se vén chamando Internet das Cousas). Este obradoiro estará dirixido por Paola Guimerans.
A actividade abéirase ao convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2019 da Xunta de Galicia.
O obxectivo da cita, segundo reflicte Mancomún, é “mostrar o florecente eido dos e-Téxtiles que, igual que sucede con outros ámbitos do movemento maker, como a impresión 3D, ou a robótica, popularizouse vinculado a esta vangarda tecnolóxica”.
O obradoiro estruturarase en dúas partes, unha primeira consistente nun relatorio por parte da directora do obradoiro e, de seguido, o obradoiro propiamente dito. No transcurso da xornada experimentarase cos téxtiles intelixentes ou e-Téxtiles con tecidos e fíos condutores, sensores, actuadores e outros materiais máis tradicionais para realizar un prototipo de proxecto vestíbel co microcontrolador circuit playground express. O horario do relatorio será de 10.00 a 11.30 horas e o do obradoiro das 11.30 horas até as 18.30. As prazas dispoñíbeis no relatorio serán 80 e as do obradoiro 40. O emprazamento da sesión está aínda por determinar, confirmarase en datas vindeiras.
Como dixemos, o obradoiro estará dirixido por Paola Guimerans (@paolaguimerans), artista, educadora e tecnóloga creativa. Cursou estudos de MFA Design and Technology no Parsons School of Design, Nova York, e traballou no NY Fashion Technology Lab. En 2017 defendeu a súa tese doutoral na Universidade Complutense de Madrid baixo o título A tecnoloxía como material creativo: E-téxtiles e as súas derivacións no campo das artes visuais.
Paula é asesora en innovación educativa e participa no desenvolvemento de novos contidos curriculares e transversais adaptados á educación escolar e superior universitaria. É autora da plataforma de recursos Prototipadolab e fundadora da iniciativa Aula STEAM. Dende hai unha década participa en foros e conferencias nacionais e internacionais tales como Make Education New York World Make Faire, Conference on Tanxible, Embedded, and Embodied Interfaces TEI13 ou iated International Academy of Technology, Education and Development conference, entre outros.

PUBLICIDADE