Fíltranse nomes e enderezos de correo electrónico dalgúns usuarios de Amazon

xoves, 22 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Numerosos clientes de Amazon están a recibir mensaxes por correo electrónico nas que se advirte dun erro técnico que tería permitido a exposición dos seus nomes e enderezos de correo electrónico, deixando claro que os usuarios non teñen que realizar ningunha medida como mudar o seu contrasinal, xa que as súas contas de usuario non terían sido comprometidas.
Dende Amazon non detallan o fallo de seguridade, pero si concretan que avisaron a todos os afectados e o erro que provocou a filtración tería sido corrixido. Non se coñece o volume de usuarios afectados, pero dá a impresión de que falamos dun número de usuarios bastante reducido, limitándose o incidente a Europa e EE.UU. Dado que estamos ante unha das semanas de maior actividade para Amazon polo Black Friday, se o incidente fose significativo o volume de usuarios afectados faríase notar moito.

PUBLICIDADE