Fíltranse a través da Internet 4 episodios da nova tempada de Game of Thrones

luns, 13 de abril do 2015 Marcus Fernández

A compañía especializada en protección de dereitos de autor Irdeto estima que no último trimestre do presente ano a serie Game of Thrones, pese a que levaba moitos meses sen novos episodios, conseguiu manterse á cabeza das descargas ilegais a través da Rede, con 7 millóns de descargas, o que supón un importante incremento fronte aos 4,9 millóns do ano anterior. Temos así que esta serie televisiva consegue superar en descargas a The Walking Dead (5,7 millóns), Breaking Bad (3,8 millóns), Vikings (3,4 millóns) e House of Cards (2,7 millóns), o que provoca unha grande preocupación ante o acontecido nas últimas horas xa que, aínda que era de agardar que o fenómeno das descargas se retomase a pasada noite coa estrea da quinta tempada da ficción televisiva, o impacto podería ser moi superior ao agardado, xa que aparte das habituais gravacións televisivas tamén apareceu unha filtración cos 4 primeiros episodios da tempada, o que pode afectar gravemente á audiencia da serie que ten 10 episodios por tempada.
A propia HBO confirmou a filtración, asegurando que os vídeos que apareceron na Rede estaban dirixidos a un grupo reducido de persoas, polo que están a investigar como puido producirse a súa distribución indiscriminada a través da Internet.
Por fortuna falamos de copias en definición estándar, polo que os espectadores máis esixentes preferirán seguir gozando da serie na súa data e en alta definición, de xeito que a ameaza provocada pola filtración chegaría principalmente en forma de spoiler, ou sexa, de usuarios que conversando sobre os episodios aínda non emitidos por televisión puidesen estragar a historia a outros seareiros de Game of Thrones.
O máis lamentable da filtración é que podería levar a moitos espectadores de todo o mundo a ver os episodios antes da súa emisión oficial, para fuxir precisamente dos spoilers, de xeito que os esforzo que fixo a HBO para que a serie puidese seguirse simultaneamente dende 170 países, evitando así a tentación de recorrer ás descargas, non colleitaría os froitos agardados.

Game of Thrones, tras liderar as descargas en liña, terá que enfrontarse agora aos problemas propios das filtracións

PUBLICIDADE