Ferrol convídanos a coñecer a cidade no século XVIII a través dos móbiles

mércores, 30 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Os días pasados, coincidindo coa celebración do salón turístico FITUR, o Concello de Ferrol deu a coñecer unha ferramenta tecnolóxica de gran interese para dar o coñecer os seus atractivos entre os internautas. Máis polo miúdo, para mostrar o seu importante patrimonio histórico. Trátase dunha aplicación específica para móbiles e tabletas que recrea unha aventura no século XVIII pola cidade racionalista. Foi deseñada para iOS e Android. O Concello de Ferrol sinalou en FITUR que se trata da súa aposta pola Ruta da Ilustración no Espazo Atlántico Europeo.
A app, chamada Ferrol da Ilustración, foi deseñada pola empresa Play&Go. Segundo sinalou o Goberno local, salienta por “ofrecer a posibilidade de coñecer Ferrol doutro xeito”, combinando turismo, aprendizaxe e realidade virtual a golpe de clic para descubrir a pegada do Século das Luces na cidade naval.
A través da aplicación, propónsenos unha viaxe no tempo ao século XVIII e un percorrido pormenorizado polas rúas de Ferrol daquel tempo, nas que teremos que ir realizando misións ao tempo que acadamos agasallos. “Viaxamos ao século XVIII, onde o trafego cotiá dos estaleiros é o motor dunha cidade guiada pola construción naval. Os buques que conquistaron os mares forxando a lenda da Armada comezan a súa aventura no Edificio Herrería”’’, convida a ferramenta móbil, que destaca por achegar un percorrido por unha “ruta única” no mundo, lembra o Concello, engadindo que está situada no top 10 dos itinerarios que a Xunta cataloga como imprescindíbeis en Galicia.

PUBLICIDADE