Falece un dos fundadores de Atari

luns, 28 de maio do 2018 Marcus Fernández

Ted Dabney, Nolan Bushnell, Fred Marincic e Al Alcorn posando xunto a unha máquina de Pong en 1972

A pasada fin de semana faleceu aos 81 anos de idade Ted Dabney, un dos fundadores de Atari, de xeito que podemos consideralo un dos grandes pioneiros da industria informática e dos videoxogos. Dabney coñecera ao célebre Nolan Bushnell traballando en Ampex, e decidiran emprender unha compañía entre ambos, Atari, Inc., da que saíran varios xogos de vídeo que conseguiron converterse en todo un fenómeno tras a incorporación á empresa doutro traballador de Ampex, Al Alcorn, quen utilizando un concepto de circuíto de vídeo de Dabney programou Pong, un dos xogos máis influentes da historia.
Por desgraza, Bushnell patentou o circuíto de vídeo de Pong sen incluír o debido recoñecemento ao traballo de Dabney, quen tiña unha posición de baixo nivel na empresa, que foi levándoo pouco a pouco a abandonar a industria, de aí que non sexa unha figura moi recoñecida.
De feito, o rol de Dabney en Atari foi practicamente esquecido pola historia até que en 2009 Herman Leonard entrevistou a Dabney para un artigo titulado A historia inédita de Atari, na que aseguraba que era o propio Bushnell o que non quería recoñecer o crédito de Dabney polo seu traballo.
En 2012 Dabney recoñeceu nunha entrevista con Chris Garcia que Bushnell obrigouno a deixar Atari Inc. e vender a súa parte da compañía, ameazándoo con deixalo sen nada se non accedía aos termos da operación.
Temos así como unha das pezas chave da industria dos videoxogos foi maltratada e ocultada de xeito inxusto, ao verse eclipsado por unha figura como Nolan Bushnell.

PUBLICIDADE