Facebook merca Instagram por 1.000 millóns de dólares

luns, 9 de abril do 2012 Marcus Fernández

Hai un par de anos dous emprendedores botaron a andar Instagram como unha plataforma social baseada nunha aplicación para iPhone, que a semana pasada estreou versión para Android (superando o millón de descargas en 24 horas), o que parece ser o catalizador do anuncio que hoxe fai Mark Zuckerberg: Facebook vén de pechar con Instagram un acordo de compra.
Zuckerberg considera que Instagram xa se complementaba moi ben con Facebook, e tras a adquisición os equipos de ambas plataformas poderán traballar dun xeito aínda máis próximo, asegurando que van continuar a mellorar Instagram fóra de Facebook.
Instagram conservarase como marca independente e aplicación (sen pór ningún tipo de atranco a compartir os seus contidos con plataformas alleas a Facebook), converténdose esta operación nunha nova especialmente rechamante por ser a primeira vez que Facebook faise cunha empresa con tantos usuarios. O montante da operación sería duns 1.000 millóns de dólares entre accións e efectivo.

PUBLICIDADE