Facebook facilita a transformación de perfís de usuario en páxinas

venres, 1 de abril do 2011 Marcus Fernández

Moitas empresas ao dar o salto ás redes sociais cometeron o erro de abrir un perfil de usuario en Facebook en vez de crear unha páxina en tal plataforma, de xeito que incumpren as condicións do servizo e teñen que afrontar limitacións como ter que aprobar os seus amigos de un en un e non poder superar as 5.000 amizades, pero para poder solucionar a situación sen perder todo o traballo desenvolvido en Facebook facilitan unha función de migración de perfil a páxina, permitindo elixir entre distintas opcións para definir a nosa presenza en Facebook (negocio local ou lugar, organización, marca ou produto, figura pública, lecer e causa ou comunidade).
É preciso destacar que esta operación de migración non ten volta atrás, e aínda que converta os amigos en seareiros e arrastre as fotografías do perfil, a información publicada no taboleiro do usuario e o resto de datos asociados perderanse no proceso (aínda que Facebook permite descargar tal información dende as súas opcións de configuración, por se algún usuario quere conservala localmente) e o resultado final non terá as mesmas características que unha conta de usuario en Facebook.
Para poder realizar o proceso de migración neste momento debemos acceder a tal opción en inglés, pois non está debidamente traducido a outras linguas, aínda que as preguntas máis frecuentes sobre o tema xa están dispoñibles en español.

PUBLICIDADE