FEUGA achéganos en outubro catro intensos días de traballo entre universidades e empresas: os Galicia Innovation Days

mércores, 22 de setembro do 2021 S. P.

Rematado o verán, os encontros arredor das tecnoloxías máis punteiras e o emprendemento collen impulso, algúns tan sobranceiros como os Galicia Innovation Days, impulsados por FEUGA (Fundación Empresa Universidade Galega) co obxectivo de explorar proxectos de colaboración entre universidades e empresas no marco do programa marco da UE Horizonte Europa (o principal instrumento para levar a cabo as políticas de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da UE). Os Galicia Innovation Days desenvolveranse en liña os días 25, 26, 27 e 28 de outubro baixo o epígrafe Towards Horizon Europe. Serán encontros gratuítos e cunha marcada vertente internacional.
O evento, organizado por FEUGA e a Consellería de Educación e Cultura, contará cunha serie de paneis de discusión, exposicións de casos de éxito, obradoiros e encontros.. Participarán expertos internacionais en innovación e emprendemento, abordando as novas oportunidades para investigadores e empresas nas diferentes convocatorias do programa marco.
Por outra banda, iniciativas que xa están en marcha mostrarán a súa sustentabilidade futura presentado os seus primeiros resultados e explorando a súa posíbel continuidade nas novas liñas de financiamento europeas. Entre os grandes cometidos do evento figura o de “fomentar o networking entre socios e colaboradores en potencia”, por iso Galicia Innovation Days ofrecerá aos asistentes “a oportunidade de realizar contactos mediante o intercambio de mensaxes e reunións individuais as catro xornadas, en horario de tarde”, informou FEUGA, engadindo que cada unha das xornadas previstas porá o foco nun ámbito temático en liña concerto, cos paquetes de axudas do programa Horizonte Europa.
O primeiro día estará adicado á saúde, así como á cultura, creatividade e sociedade inclusiva. O 26 de outubro a cita fará fincapé en clima, enerxía e mobilidade. Agroalimentación, océanos e medioambiente serán temáticas protagonistas o 27 e por último, o 28 de outubro, seguridade civil, dixital, industria e espazo.

PUBLICIDADE