A Asociación Extramundi bota man da realidade aumentada para o lanzamento dun vídeo-paseo sobre o Camiño Norte

martes, 20 de xullo do 2021 S. P.

A Asociación Extramundi vén de presentar en Casa Nicanor, Vilalba, o vídeo-paseo Paradoxo. A este acto tamén acudiron representantes e amigos de En Língua de Signos e a Asociación Acoprós, entidades vencelladas á accesibilidade e a servizos destinados ao colectivo de persoas xordas. Na cita, na que tamén participaron membros do Instituto de Estudos Chairegos, salientouse o impulso innovador que pon en xogo o proxecto Paradoxo, ao tempo que se puxo en valor o seu potencial para seguir convertendo a cultural nun ben cen por cen accesíbel. Achegouse un tráiler no que podemos albiscar os contidos da proposta.
Paradoxo é unha peza audiovisual que se poderá descargar nos móbiles ou dispositivos similares a través dun código QR, que estará localizado en puntos informativos previos e no inicio do treito do Camiño do Norte que vai de Vilalba a Baamonde, punto de partida do vídeo-paseo. Segundo se fixo saber no acto de presentación, “a peculiaridade deste formato é que o público pode interactuar cunha peza audiovisual no propio traxecto no que foi gravada”.
Ao longo da súa visualización, unha narradora guía a experiencia a través de historias que permiten descubrir, “dende unha óptica diferente”, o territorio que se percorre. En palabras de Martos PTT, director artístico da peza, “trátase de facer un tramo do camiño interactuando con este a través dun formato artístico e accesíbel para todas as persoas”.
A proposta, que tira proveito da tecnoloxía de Realidade Aumentada en clave “Low-Fi”, en palabras de Marcos PTT, preséntase como un recurso para “superar a fenda de acceso á cultura da comunidade xorda”, o que se enriquece coa vertente artística que atesoura o vídeo-paseo (en clave de danza) e as posibilidades do treito do Camiño polo que transcorre. “A creación dunha oferta cultural para todas as persoas forma parte da nosa misión” explica Lorena Durán, presidenta da Asociación Extramundi e impulsora da experiencia, que engade que “é preciso normalizar a diversidade e diversificar o normal”.
A versión accesíbel de Paradoxo conta con subtitulado en diferentes idiomas para persoas oíntes e a versión orixinal é en Lingua de Signos Española (LSE). Deste xeito, ademais de dinamizar un tramo do Camiño de Santiago coa complicidade do público, pódese xogar a crear “unha sorte de Realidade Aumentada”, sinalouse.
A produción artística correu a cargo do Colectivo Galiza Emocional, plataforma que aglutina artistas e axentes sociais, promotoras de estratexias artísticas e participativas. O equipo artístico complétase con Lucía Estévez, responsábel da dirección cinematográfica e de fotografía. Por outra banda, Ana Senra, poeta e profesora de LSE, é a narradora de Paradoxo e a responsábel da adaptación das imaxes poéticas do guión. María Roja, membro do Colectivo Límites, actriz, performer e artista plástica, gañadora dun Premio María Casares á mellor actriz de reparto, conforma o corpo de danza de Paradoxo xunto co bailarín Fran Martínez, co-fundador no 2017 da compañía de danza Pálido Domingo e que compaxina o seu labor creativo e interpretativo coa docencia en diversas escolas. Nacho Muñoz, músico e compositor galego, foi o responsábel do deseño sonoro e música orixinal e Paula Grandal do vestiario e estilismo, estando ao mando da cor do formato Leticia T. Blanco.
O servizo de interpretación de LSE foi realizado por David Fernández, actualmente integrante de En Lingua de Signos. Finalmente, Casa Nicanor, espazo rural de arte situado no inicio do percorrido polo que transcorre Paradoxo, é o centro de operacións e vencello directo coa zona.

PUBLICIDADE