Éxito de participación entre a mocidade galega dos obradoiros Girl STEAM do CPETIG

venres, 15 de setembro do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) fixo balance da actividade xerada polos obradoiros Girl STEAM realizados en 15 concellos de toda Galicia, organizados pola entidade que preside Marcos Mata a través da rede de Aulas CeMIT en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Estas actividades, dirixidas principalmente a espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade, facendo especial fincapé nas mozas (co obxectivo de reducir a fenda de xénero nos estudos STEM), obtiveron un importante éxito de participación e seguimento, segundo apuntou o colexio no seu balance.
Os talleres remataron a pasada semana, no centro Gaiás Tech de Santiago de Compostela, tras percorrer os outros 14 municipios no seu itinerario: San Sadurniño, Betanzos, Ribeira, Ortigueira, A Estrada, Celanova, Cuntis, Guitiriz, Santa Comba, Valga, Barreiros, Ribadeo, Vigo e Oroso, cun total de 314 nenas e nenos participantes.
As actividades dividíronse en dous grupos de idade. Os máis pequenos, cativos e cativas de 8 a 11 anos, encargáronse de elaborar pezas audiovisuais en formato stop motion a partir dun circuíto de luces LED construído por eles mesmos. Por outra banda, os máis maiores, de 12 a 15 anos, crearon tecidos intelixentes programando sensores co hardware-software libre Arduino para elaborar unha prenda téxtil que reacciona aos cambios ambientais, de distancia, luz, etc.
En palabras do CPETIG, o obxectivo principal destes obradoiros é “impulsar actividades de mentoring en idades temperás, especialmente dirixido ás nenas, para espertar o seu interese neste eido e afianzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM, siglas que en inglés dan nome ao taller e nacen de incorporar a tecnoloxía STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) ás que se suman as Artes co fin de aprender a usar a tecnoloxía desde un punto de vista creativo e crítico”.
“Desde o CPETIG valoramos moi positivamente estes obradoiros, que abren as portas das tecnoloxías STEAM ás rapazas e rapaces, que están chamados a ser os profesionais do futuro no noso campo. Desde o Colexio traballamos arreo para que este tipo de actividades sexan cada vez máis habituais e as metas cada vez máis ambiciosas. As idades temperás son clave nesta e noutras profesións, pero especialmente nun sector coma o noso no que seguimos poñendo esforzos para acadar unha igualdade real e efectiva no menor tempo posíbel”, explicou Anxos Cabado, directiva e responsábel do programa do ente colexial.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia agradeceu a implicación de todas/os as/os participantes, ás/aos responsables da rede de Aulas CeMIT, á formadora Paula Tubío e á AMTEGA a súa entrega para que esta primeira edición de colaboración conxunta fose todo un éxito.

PUBLICIDADE