Estudantes da UVigo presentan unha app para botar unha man ás persoas con síndrome de Down

xoves, 5 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Un equipo de alumnas e alumnos da Escola de Enxeñería Industrial e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo presentou esta semana, no marco do 13 Congreso de Traballos Colaborativos, a aplicación intelixente App&Down, coa que se busca aumentar a autonomía da persoas con síndrome de Down: dende axudarlles a xestionar o diñeiro ata guialas no uso do transporte público, entre outras cuestións. Inclúe unha interface instalábel en calquera dispositivo móbil e que salienta pola súa sinxeleza e polo seu nivel de accesibilidade. Inclúe dous menús: un para xestionar a economía do usuario e outro para a planificación diaria.
Na vertente económica atópase unha ilustración cunha bolsa de diñeiro que serve de medidor do estado económico actual da usuario ou usuario, e na que se poden introducir de xeito simple as cantidades que se reciben e que se gastan. A vertente da xestión diaria é un calendario que axuda a recordar citas que se teñan planificadas para ese día, o medio de transporte que se debe coller (número de autobús, a que hora pasa e en que parada debe baixar) e até unha alarma espertador.
A aplicación é configurábel e flexíbel dependendo das necesidades dos usuarios, e tamén inclúe a posibilidade de ser controlada polos titores, que poderán acceder á súa planificación para achegar alarmas ou recordatorios.
No marco do Congreso de Traballos Colaborativos, no que se presentaron un total de 13 traballos, tamén se achegaron detalles dunha mesa adaptada para persoas con mobilidade reducida creada por un grupo de 10 alumnas e alumnos dos mesmos graos que os creadores de App&Down.
Coordinado polos profesores José Luis González Cespón e José Antonio Alonso, o Congreso de Traballos Colaborativos é unha cita na que se presentan traballos realizados de xeito interdisciplinar entre estudantes de distintos centros e graos. Nesta ocasión o evento levouse a cabo no salón de actos da sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial e tivo un marcado carácter social. Nun plano máis concreto, déronse a coñecer contribucións como un proxecto de actividades de espazos en hospitais para nenos con cancro; unha app de axuda, detección e prevención do bullying ou outra para a determinación da capacidade de condución cando se toman medicamentos na que o condutor ou condutora poderá escanear o código QR de cada menciña para recibir, de seguido, unha mensaxe que lle indica se debe ou non conducir.

PUBLICIDADE