Este verán porase á venda o orixinal Chumby

luns, 25 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Tras un ano de desenvolvemento parece que o pequeno dispositivo Wi-Fi coñecido coma Chumby podería converterse nunha realidade, pois os seus promotores anuncian que este verán se porá á venda.
O Chumby é un trebello baseado en Linux que funciona cun procesador ARM a 350 MHz, inclúe 32 Mb de SDRAM, 64 Mb de Nand Flash ROM, ten unha pantalla táctil LCD de 3,5 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles, 2 altofalantes, saída de son, micrófono, e conectividade Wi-Fi, que pretende achegar contidos da Rede mediante pequenas aplicacións ou widgets, de xeito que amosar imaxes, reproducir música, presentar novas e, en definitiva, ser un xeito diferente e divertido de ver a Internet.
O dispositivo tanto se pode empregar coma espertador, coma pode reproducir son e vídeo mediante streaming (incorpora o Flash Lite 3), polo que podería abrir a porta a unha nova serie de dispositivos chamados a levar a Rede a calquera lugar do fogar. Venderase a 179,95 dólares (133,68 euros) e promete ser totalmente hackeable.