España é o sétimo país emisor de spam no mundo

luns, 30 de marzo do 2015 Fernando Sarasketa

España é a día de hoxe o sétimo país emisor de correo lixo do mundo, segundo as investigacións recentes de Kaspersky Lab, máis polo miúdo o Informe Spam 2014. O país, na dita listaxe, só estaría detrás de Estados Unidos (16,71%), Rusia (5,93%), China (5,53%), Vietnam (4,92%), Alemaña (4%) e Arxentina (3,55%). A compañía de seguridade informática explicou que España, cun 3,2% do total do spam, escalou varios postos en 2014, do mesmo xeito que Alemaña (cun 4%) e Francia (cun 2,55%), mentres que Corea do Sur (2,22%) e Taiwán (1,99%) pasan de ocupar o terceiro e cuarto posto ao 13 e 14, respectivamente.
O estudo tamén guinda datos de interese sobre as principais metodoloxías a seguir polos responsábeis dos envíos (tematicamente impuxéronse os reclamos con novas sobre os Mundiais, as Olimpíadas de Inverno, o Mundial de Brasil ou o andazo de Ébola), sobre as cifras con respecto ao ano anterior (o número de mensaxes caeu nun 2,8%) e sobre as tendencias para o futuro (en 2015 manterase a tendencia á baixa no spam publicitario pero medrará o de tipo fraudulento e malicioso).
A investigación tamén achega datos sobre a porcentaxe que representou en 2014 o correo lixo perante o correo desexado (o normal), acadando o spam unha taxa do 66,8%. Polo que respecta ao país onde os internautas máis esforzos tiveron que despregar para facerlles fronte ás tentativas de phishing (suplantación de identidades na procura de roubar cartos ou datos), trátase de Rusia, que abrangueu o 17,28% do número total deste tipo de ataques no mundo. Pola contra, Brasil consolidouse como o país onde se rexistrou a meirande cantidade de ataques de phishing dirixido (o 27,5% dos usuarios de Kaspersky Lab), seguido de Australia estivo (co 23,8%) e India e Francia empataron en terceiro lugar cun 23% cada un.
O top 3 de organizacións cuxas marcas de identidade sufriron ataques de phishing con meirande frecuencia foron Yahoo!, co 23,3%, Facebook, co 10%, e Google, co 8,7% dos ataques.
Como vén sendo habitual, sinálase no informe de Kaspersky, os spammers tiraron partido dos acontecementos de máis actualidade para sacar proveito. Neste caso, as Olimpíadas de Inverno en Sochi, o Mundial de Brasil, a morte de Nelson Mandela ou a crise política en Ucraína foron algúns dos sucesos dos que se botou man máis a miúdo. Outro feito do se quixo facer uso foi a epidemia de Ébola: os spammers enviaban mensaxes en nome dos infectados africanos que querían deixar as súas fortunas a algún home bondadoso para que as adicasen a actos de beneficencia. Segundo a investigación, unha das novidades da devandita práctica radicou no seguinte: en que ao destinatario non só se lle propuña tomar parte nunha conferencia da Organización Mundial da Saúde (OMS) como convidado, senón que tamén se lle prometían 350.000 euros e un automóbil como axuda por traballar como representante da OMS en Inglaterra.

PUBLICIDADE