Escoitar.org bota o peche e faino “ao grande” e de maneira colaborativa
venres, 22 de xaneiro do 2016
Hoxe toca dar conta dunha triste nova: o peche de
Escoitar.org, unha iniciativa
moi envorcada na Rede e nas novas tecnoloxías que, como sinalamos
hai agora unha década dende Código Cero (saudando
cunha entrevista a chegada á nosa Internet de Escoitar.org),
naceu co obxectivo xeral de permitirnos superar “unha xordeira de
séculos” e cos obxectivos concretos de deixar para as vindeiras
xeracións a posibilidade de ouvir como soaba a súa terra nos nosos
días: o leste e o oeste, o silencio do bosque, o tren que transcorre
lentamente na curva, o rincho da cancela. Ou, tamén, a fonte dos
Peares, que é o son que nos vén de acompañar, agora mesmo e dende
os altofalantes do computador, mentres visitabamos a web a xeito de
despedida.
Hai dez anos saudabamos a iniciativa deste mapa
colaborativo como “necesaria”, e seguimos a facelo. O porqué
disto: son precisas canles e pontes que nos permitan ouvir o que
acontece na Galicia que fai ficando deserta. Se cadra así poderemos
de novo rehabitala, recupera e reivindicala.
Porén, a vida segue e
Escoitar.org bota o peche logo dunha década de intenso traballo e de
interesantes achados. Por exemplo a creación dun arquivo sonoro
xeolocalizado en formato de cartografía no que todas e todos
podíamos contribuír achegando sons e coordenadas, ou tamén o Mapa
Sonoro de Vigo (feito con Ouvirmos), do que falamos en Código
Cero.
Como lembraremos Escoitar.org era (é) tamén un
colectivo, un conxunto de “reivindicadores do son” integrado por
Berio Molina (artista e desenvolvedor web), Carlos Suárez
(etnomusicólogo e compositor), Chiu Longina (antropólogo e
artista sonoro), Enrique Tomás (enxeñeiro e artista sonoro),
Horacio González (artista e desenvolvedor web), Julio Gómez
(historiador e dinamizador cultural), Suso Otero (enxeñeiro de son)
e Xoán-Xil López (musicólogo e artista sonoro).
O peche da web e do proxecto (motivado pola ausencia
de apoios que axudasen ao mantemento dunha ferramenta tan interesante
e tan positiva para o pobo galego e a Rede por enteiro, e igualmente
para as galegas e galegos que se atopan lonxe) será gradual e
cooperativo. Asemade, o proceso de peche ten vimbios para converterse
en lendario, épico e referencial. De feito, cada vez que escoitemos
unha das das 1.252 gravacións acubilladas en Escoitar.org, esta
borrarase da base de datos.