Encaixas: nova web galega para a distribución de agasallos de experiencia

xoves, 7 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Temos nova web galega de servizos para o mundo. Falamos de encaixas.es, unha plataforma de venda de packs de experiencia, posta en marcha por emprendedores galegos e co obxectivo de acadar, como indica o propio nome da web, o pack ideal para cada cliente: o que mellor lle acaia, coma un traxe feito a medida. Para lograr isto, encaixas.es inclúe un sistema de xeolocalización e comportamento do usuario, na propia web de seu, co fin de obter información precisa e axudar na decisión de compra. “Algo que tamén terá peso na plataforma móbil que tamén está en proceso de desenvolvemento”, sinalan os responsábeis desta nova iniciativa.
A idea é ir alén da nosa terra: ampliar o radio de alcance de Encaixas até tódolos recantos de España e máis alá. Neste intre, a web achega corenta servizos para facer/agasallar repartidos en seis caixas diferentes (Rural Encaixas, Galicia Encaixas, Vida Encaixas, Benestar Encaixas, Coruña Encaixas e Vigo Encaixas). Por certo que estes packs son e pode ser do máis variado: estancias en establecementos hostaleiros, tratamentos de benestar, degustacións gastronómicas, actividades de aventura, etc, cada cousa presentada cunha coidada feitura de agasallo. Asemade, tódalas Encaixas inclúen unha guía con tódalas propostas acubilladas no seu seo, máis un bono regalo que servirá para gozar da escolla que sexa definitiva.

PUBLICIDADE