En marcha un servizo para resolver dúbidas sobre teletraballo na crise sanitaria: Cibervoluntarios Responde
luns, 16 de marzo do 2020
Ao
tempo que se espalla o COVID-19 e poñemos en prácticas medidas para
frealo, espállase tamén a solidariedade. Como por exemplo a
solidariedade da Fundación Cibervoluntarios, que, co duplo obxectivo
de promover o coñecemento das utilidades das TIC para paliar fendas
sociais e de axudar a todas aquelas traballadoras e traballadores que
deben adaptarse á nova realidade do traballo a distancia, vén de
pór en marcha a iniciativa Cibervoluntarios Responde, un
servizo de balde, online e telefónico para axudar ás persoas
que se viron afectadas pola expansión do coronavirus e, que por
tanto, “viron como a súa situación persoal e/ou profesional
variou nos últimos días”.
O
servizo, que xa conta co apoio de 1.500 cibervoluntarios por toda
España, consiste basicamente na resolución de todo tipo de dúbidas
relacionadas coas tecnoloxías máis acaídas das que se pode botar
man para teletraballar, ofrecer servizos e contidos online
axeitados a cada perfil ou achegar solucións para comunicarse e
atender aos seus seres queridos de maneira telemática, entre outras.
Todo o relativo á iniciativa podemos atopalo en
www.cibervoluntarios.org.
Quérese poñer o foco nas persoas que nunca antes traballaron
botando man das novas tecnoloxías, persoas en corentena ou cidadáns
que viven en zonas rurais e que necesitan atención online ou
comunicarse cos seus seres queridos
Destacar
que toda a comunicación establécese online. Porén, debido
que algunhas persoas poden non ter acceso ou non saber como acceder,
tamén se pon a súa disposición un teléfono atendido por persoal
da fundación: 915 42 29 00 (en horario de oficina de L-V de 9:00 a
14:00 e de 15:00 a 18:30 h.).