En marcha un observatorio online para velar pola transparencia dos nosos concellos
martes, 23 de xaneiro do 2018
Este martes presentáronse en Ourense as
metodoloxías e obxectivos dun grupo de traballo directamente
encamiñado a velar, dende Internet, polo bo funcionamento das nosas
administracións locais, facendo especial fincapé nos parámetros
relacionados coa eAdministración (goberno dixital, participación
cidadá, transparencia, axilidade, eficiencia e seguridade nos
trámites). Estamos a falar do Observatorio
Municipal Galego. Na súa presentación, na que tamén se deu a
coñecer o Informe
Rede Localis, participaron Manuel Baltar, presidente da
Deputación de Ourense; Santiago Lago, catedrático do Departamento
de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director do Grupo
Gen, e Alberto Vaquero, co-director da Rede Localis. O
observatorio é froito do convenio de colaboración asinado en
febreiro deste ano entre a Deputación e o Grupo Gen.
Sobre o Informe Rede Localis. Organización e
financiamento de servizos municipais, coordinado por Mª
Concepción Campos e Roberto Fernández, o catedrático do
Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo salientou
que é “un documento cun enfoque moi plural” sobre o
municipalismo, abranguendo as reflexións de quince expertos que
abordan outros tantos “temas relevantes”, desde o financiamento
ata a fragmentación local.
Sobre o Observatorio Municipal Galego, Lago
subliñou que ofrece “unha radiografía en tempo real e online”
das contas dos concellos galegos. O organismo difunde na Rede, na web
de seu (observatorioredlocalis.com),
datos pormenorizados sobre economía e fiscalidade local nos 313
concellos galegos. A ferramenta permite consultar “en que se gasta,
canto se gasta, para que se gasta ou canto se ingresa e as principais
partidas de ingresos a nivel municipal”. Ademais, na súa páxina
web é poíbel facer comparacións por tamaño municipal ou de ámbito
provincial. Por último, o observatorio fai públicas periodicamente
notas nas que analiza en detalle algún aspecto de interese en
relación cos datos que manexa.