En marcha a web Mundo Lois para manter viva a obra de Lois Pereiro

venres, 4 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O poeta Lois Pereiro (Monforte 1958 - A Coruña 1996), homenaxeado este ano na Festa das Letras, ten un novo sitio web (logo da posta en marcha de loispereiro.blogaliza.org, espazo do que falamos xa en Código Cero). A nova achega en liña, salientable se temos en conta o necesario que é recoñecer as importantes contribucións artísticas dun poeta que para moita xente aínda fica no anonimato, é un complemento do espectáculo Mundo Lois, que se estrea o 4 de marzo no Auditorio de Vigo e que foi posto en marcha por un equipo de creadores galegos entre os que se atopan Lino Braxe a Antón Reixa.
O portal, amais de altofalante da dita obra teatral é un xeito de traballar pola vixencia dun dos poetas galegos que máis contribuíron a renovar as nosas letras e a propia figura do autor literario, que Pereiro encarnou en parte coma unha recuperación dorida (Pereiro sufriu durante anos as consecuencias dunha tráxica doenza sen cura e morreu moi novo) do rianxeiro Manuel Antonio, outra alma da vangarda.
"Somentes intentaba conseguir deixar na terra algo que me sobrevivise", dixo Pereiro sobre o seu legado e, se cadra de xeito indirecto, sobre as consecuencias que este ía ter nos seus compañeiros nas letras. Este de espallar a obra de Pereiro até onde se sexa posible (e máis alá) é, de feito, o alicerce da web Mundo Lois, posta en marcha agora para relembrar ao poeta e telo sempre presente.

PUBLICIDADE