En marcha a primeira escola de programación galega, Hack a BOS

mércores, 7 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A programación e as posibilidades de ampliar a nosa comunidade de construtoras e construtores de ferramentas e servizos tecnolóxicos non deixan de asentarse. En boa media, grazas a iniciativas como Hack a BOS, a primeira escola de programación de Galicia, unha iniciativa con metodoloxía bootcamp (ou sexa, ao estilo dun acubillo-palestra para que os profesionais e as novas empresas poidan dar forma ás súas ideas) onde poderemos adestrarnos en programación en diferentes tempos (a tempo parcial ou a tempo completo) e en períodos de entre 10 e 16 semanas. E todo isto, sinalan os impulsores de Hack a BOS, tirando proveito de metodoloxías áxiles, módulos de marca persoal e recursos humanos.
Segundo nos conta de primeira man Brais Rodríguez, experto en mercadotecnia de Hack a BOS, estamos a falar dunha escola de programación con cursos intensivos de programación fullstack, con campus en Galicia (e sede principal na Coruña) e co obxectivo de impulsar os nosos profesionais e as nosas empresas para que estean preparados para os empregos do futuro, e que “sexamos unha referencia na formación de profesionais TIC e que as empresas non teñan dificultade en contratar aqueles perfís que estean a buscar”.
O equipo formador está integrado por Rubén Costa, Yago Pérez, Marcos Martínez, Jose Mato, Pablo Rodríguez, Brais Rodríguez e Pilar Varela. Arestora ofrécense á nosa comunidade de profesionais os seguintes cursos: Programación fullstack a tempo completo (bootcamp), Programación fullstack a tempo parcial (bootcamp) e Curso de Product Manager (proximamente).
Segundo engaden os impulsores acerca das metodoloxías docentes a pór en práctica, os bootcamp de Hack a BOS consisten en cursos intensivos de programación que adoitan durar entre 10 e 16 semanas e que fornecen ao alumnado de todos os recursos precisos para programar practicamente desde cero ou a partir de certo nivel. “Ao rematar cada obradoiro, teremos o nivel de coñecemento axeitado para permitirnos atopar emprego neste eido sen demasiada dificultade”, explican.

PUBLICIDADE