En marcha a plataforma REDETAG para mellorar a competitividade do noso sector da conserva

venres, 3 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

O pasado 26 de novembro presentouse na sede de ANFACO-CECOPESCA (con simulacións e demostracións incluídas) o proxecto REDETAG, unha iniciativa para optimizar a competitividade das empresas ligadas ao sector conserveiro a través dunha mellora, pola vía tecnolóxica, dos procesos de xestión, venda e promoción. A plataforma, que vén da man das firmas CTI Consultores e Level Telecom (socias de Ineo), permite o control dos diferentes sistemas de trazabilidade, control de produción, aprovisionamento, vendas, loxística “e outros procesos da cadea de valor para as empresas do sector mar-industria de Galicia”, informa ANFACO-CECOPESCA. O proxecto, do que xa falamos nesta web hai uns meses, está xa finalizado e listo para ser empregado. Segundo informa a asociación de conserveiros, trátase dun importante apoio para as nosas empresas.
O traballo que desprega REDETAG baséase na xestión de captura de datos en planta, empregando tecnoloxías de radiofrecuencia (RFID) co obxectivo de coñecer a cadea do proceso produtivo e xerar e validar un completo sistema de información das propias factorías.
O obxectivo que acadamos”, engade a dita entidade empresarial, “é a posta en funcionamento dunha solución informática común para as empresas do sector transformador dos produtos da pesca, creando un núcleo integrador de xestión e información na industria que é compatible cos sistemas dos que dispón arestora a compañía”. Deste xeito, apunta, as empresas poderán integrar nas súas instalacións unha ferramenta que abrangue tódolos procesos e de determinados puntos de control.
Polo que atinxe ás responsabilidades de cada unha das entidades participantes nesta iniciativa, que contou con financiamento da Secretaría Xeral de Modernización e o Plan Avanza, dicir que ANFACO-CECOPESCA desenvolveu as especificacións do sistema baseado nos procesos produtivos do sector mar-industria; a empresa CTI Consultores, experta en consultoría de sistemas, levou a cabo a creación, o desenvolvemento e a implantación física da plataforma, e LEVEL Telecom, especialista na implantación de tecnoloxías TIC a procesos, deseñou as solucións tecnolóxicas baseadas en RFID para o control dos procesos produtivos e a súa vinculación á devandita plataforma.
Por certo que na presentación de REDETAG no Campus de Vigo, onde está a sede de ANFACO, participaron Juan Manuel Vieites, secretario xeral desta asociación, e máis Jorge Cebreiros, presidente de Ineo e representante das dúas empresas que traballan no proxecto.

PUBLICIDADE