En marcha a décima edición da LaconNetwork, con formato online e o apoio do CITIC

xoves, 27 de maio do 2021 S. P.

Esta semana (26, 27 e 28 de maio) celébrase en formato online a décima edición da Startup Congress Galicia, feira de empresas emerxentes coñecida como LaconNetwork. Este ano o congreso, un dos grandes referentes galegos e estatais en materia de encontros tecnolóxicos con formatos innovadores (tanto para a forma como para os contidos), vén con forzas renovadas, o que se traduce nunha axenda cargada de actividades (conferencias, mesas de debate, obradoiros) e roldas de contactos.
Está previsto que participen medio centenar de investidores, unha decena de aceleradoras, 400 empresas emerxentes e emprendedores, 20 corporacións e unha trintena de relatoras.
Este xoves haberá talleres prácticos e o venres será a quenda das conferencias.
Presenza activa do CITIC
A nova edición da LaconNetwork, entre outros referentes en investigación e desenvolvemento tecnolóxico, conta coa presenza da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC), a través do seu director Manuel F. González Penedo, a coordinadora do grupo de Competencia e Desenvolvemento da UDC, Emma Iglesias, e os profesores da UDC e directores do Mestrado en Innovación e Estratexia Dixital da Empresa, Andrés Faíña e Antonio García Lorenzo, quen imparten este xoves un obradoiro e presentarán conceptos clave en estratexia competitiva e o concepto de lean startup como cambio na xestión empresarial da innovación. Por certo que na actividade de divulgación tamén participarán os investigadores do CITIC Manuel Bustabad e Susana Ladra, que presentan a iniciativa Welcome Tomorrow Challenge, organizada polo dito centro coruñés de novas tecnoloxías, a empresa Kelea e o Mestrado en Innovación e Estratexia Dixital da UDC.
Por outra banda, porase o foco en casos de éxito de spin-off xurdidas da UDC, como Torusware e PhotoILike, ambas promovidas por investigadores do CITIC.
Por último, estudantes do Mestrado en Innovación e Estratexia Dixital compartirán as súas experiencias no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos, desde a súa preparación ata a fase final de saída e desenvolvemento no mercado.
Quen queira consultar os detalles do programa completo do evento, pode facelo a través da súa páxina web.

PUBLICIDADE