En marcha Beepbid, un servizo de poxas de raizame galega para achegarnos á tecnoloxía de vangarda ao mellor prezo

xoves, 19 de decembro do 2013 Fernando Sarasketa

A recta final do ano é un fervedoiro informativo de novas aplicacións de servizos e aplicacións de orixe galega. Sen dúbida, un bo xeito de rematar 2013 e de encarar o que veña. Este xoves recibimos na redacción detalles sobre un novo proxecto chamado Beepbid e posto en marcha por un grupo de emprendedores novos galegos e de Castela-León. Beepbid é unha start-up materializada pola firma Geniups, que é o grupo tecnolóxico-dixital no que xuntan forzas e experiencias estes novos empresarios. A semana pasada saíu ao mercado a versión en desenvolvemento (beta) de Beepbid, co obxectivo de achegar aos usuarios (#beepers) á compra en liña a través de poxas. Trátase de poxas que comezan dende 0,01 euros e coas que se poden obter até un 90% de desconto en produtos e servizos de tecnoloxías, viaxes, cursos ou lecer.
Como novidade, a iniciativa aposta por un novo modelo chamado Freemium, con dous tipos de poxas: as poxas de balde (a fórmula é que se non ganas non pagas e aquí o rexistro para o usuario é gratuíto e este só deberá crear o seu perfil e nada máis), e as poxas premium (con produtos exclusivos aos que só poderemos acceder adquirindo previamente un paquete de bids, dende 4,90 euros cara a arriba). “A través de Beepbids”, informan os creadores do servizo, “os usuarios terán ao alcance da man unha chea de produtos como iPhones, iPads, móbiles de última xeración, tablets, cámaras dixitais, televisións HD e LED, e todo a un prezo moi por debaixo en comparación con outras tendas de comercio electrónico como as de Apple, eBay ou Amazon”.

PUBLICIDADE