En Ferrol, o Concello pon a disposición da cidadanía seis módulos sobre uso seguro das TIC
martes, 26 de outubro do 2021
O
Concello de Ferrol anunciou a vindeira posta en marcha dunha completa
axenda formativa para capacitar á cidadanía no uso das novas
Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e co engadido
extra de garantir un uso seguro e protexido. Segundo
fixo saber a concelleira Participación Cidadá, Ana Lamas, esta
axenda activarase en novembro a través da Aula Aberta de Formación
Cidadá, unha ferramenta gratuíta de formación que arrinca,
precisamente, con seis módulos sobre o uso seguro dos novos recursos
dixitais.
Explicou
que se abordarán asuntos como a constitución dunha asociación, os
sistemas de vídeo-conferencia, o uso do smartphone e a
alfabetización dixital, a ciberseguridade e o uso seguro de redes
sociais tanto para familias como para menores maiores de 10 anos.
Lamas
anunciou que se trata dunha “interesante iniciativa, a primeira
destas características en Ferrol, que busca poñer a disposición
dos veciños da nosa cidade unha plataforma a través da cal formarse
en asuntos de actualidade, como son as novas tecnoloxías e os seus
riscos”. O programa desenvolverase dun xeito mixto, cunha parte
presencial (cunha charla inicial e outra final) e outra telemática.
A edil indicou que as charlas celebraranse en distintos centros
municipais de Ferrol.
As
materias que se abordarán son Constitución dunha asociación,
xestións e trámites online coa Administración; Sistemas de
vídeo-conferencia; Uso de smartphone e
alfabetización dixital; Ciberseguridade para persoas
usuarias; Uso de redes sociais dirixido a familias e, por
último, Uso de redes sociais dirixido a menores (maiores de 10
anos). As catro primeiras terán dous edicións e as dous
últimas, tres por módulo.
A
concelleira apuntou que no contexto actual “é cada vez máis
necesario ofrecer á cidadanía ferramentas e recursos que lles
permitan afrontar os novos retos tecnolóxicos con seguridade” e
engadiu que desde as institucións “debemos prover este servizo
para que a poboación perda o medo a relacionarse dun xeito dixital”.
Haberá
15 prazas para cada edición —dous para cada módulo a excepción
dos de uso de redes, para os que se ofertarán tres— e o prazo de
inscrición abrirase uns días antes do inicio de cada ciclo. Os
contidos estarán na plataforma de teleformación de Tagen Ata
durante o tempo que dure a formación.