Emprego e emprendemento, entre os piares básicos dos orzamentos da Deputación de Lugo

martes, 20 de novembro do 2018 Redacción

A Deputación de Lugo presentou hoxe a súa proposta de orzamento para 2019, que levará ao pleno de novembro para a súa aprobación inicial e que vén cunha contía de 88,4 millóns de euros para os 67 concellos da provincia. Os datos (contías, eidos de actuación, iniciativas concretas) foron dados a coñecer polo presidente, Darío Campos, o vicepresidente, Argelio Fernández, e maila deputada de Economía, Mayra García Bermúdez. Segundo fixeron saber, os investimentos previstos seguirán a certificar o papel da Deputación como “motor económico e social” de Lugo. Tamén explicaron que no orzamento da Deputación xa figura a Fundación TIC (que deixou recentemente de ser un organismo dependente “sen incrementar ningún tipo de custe”) e que unha parte importante do mesmo, 10 millóns de euros, irán destinados a fomentar o emprego e o emprendemento.
Da devandita cantidade, 3 millóns serán para a terceira edición do DepuEmprego (contía á que se chegará con remanentes ao abeiro do Plan Único) e 1,7 millóns son para asumir os custos laborais de case 25 lucenses menores de 30 anos co plan de Primeira Oportunidade da Deputación; os custes de entre 40 e 50 desempregados lucenses que se incorporarán aos equipos profesionais de colectivos sociais co TecendoEmprego; así como para os primeiros Premios de Emprendemento (que recibirán 5 novas empresas do rural lugués para a súa posta e marcha) e, finalmente, para cursos de formación sobre nichos de emprego na provincia, como a gandeiría, aproveitamento forestal ou agricultura ecolóxica, entre outros.
Segundo lembrou a Deputación, tamén se incorporarán 200.000 euros para Ben Empregado IV e os 150 lucenses que estaban no paro e que traballan nas empresas e os colectivos que participan no dito programa de emprego provincial, cuxos contratos seguirá a asumir a Deputació até xuño.
Amais, os concellos da provincia teñen pendente de executar 2,6 millóns de euros da segunda edición do DepuEmprego para xerar novos postos de traballos nos municipios. Estes fondos tamén pasarán ao novo orzamento provincial.
Respecto da educación, outro dos grandes piares do roteiro da Deputación para 2019, a entidade provincial informou dun incremento dos fondos destinados ao Campus de Lugo (a través do Plan de Choque) que achega unha contía de case 500.000 euros. Amais, dirixiranse 210.000 euros ao Rof Codina e á facultade de Relacións Laborais; e uns 340.000 euros á actividade da UNED. Por outra banda, 1,6 millóns serán para a Escola de Imaxe e Son (Fundación TIC), en palabras da Deputación “a única pública na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, mantendo a matrícula gratuíta a non repetidores”.
Por outra banda, seguindo co fío da docencia, a Deputación fornecerá os conservatorios de Vilalba, Monforte e Viveiro con 45.000 euros. No apartado de subvencións nominativas, inclúense axudas por valor de case 100.000 euros para o desenvolvemento de distintas actividades e proxectos educativos na provincia en colaboración con distintas colectivos. Por exemplo, coa Real Academia de Ciencias, a Real Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, a Real Academia de Belas Artes, a Fundación Antonio Gandoy, a Asociación Educando en Familia ou o IES Foz para o Concurso Internacional de Baristas, entre outras.

PUBLICIDADE