Emetel pechou o exercicio do 2011 cunha facturación de preto de 3.200.000 euros

mércores, 11 de abril do 2012 Raquel Noya

A firma galega de solucións de comunicación e sistemas de Redes, Emetel, vén de facer reconto do que dou de si o exercicio do pasado 2011, un ano no que grazas á súa aposta polo desenvolvemento de innovación propia, levouna a situarse como unha das empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia.
Din dende a entidade que este último año “supuxo un salto cualitativo” ao terse materializado a apertura de novas oficinas en todo o territorio, que inclúen un showroom para a creación de solucións como a plataforma de monitorización Insight, entre outras cousas.
Dende un punto de vista cuantitativo, Emetel mantén a liña de crecemento que viña representando nos últimos 10 anos, e respecto ao 2010, o ano pasado aumentou a súa facturación nun 3,8%, cifra que para que nos entendamos supón uns 3.200.000 euros.
E todo iso contando coa importante inversión de medio millón de euros que Emetel precisou para a apertura das novas oficinas, nas que se reforzou o departamento de I+D+i, recalcando así a importancia desta área de negocio para a firma galega.
O director xeral de Emetel, Manuel Lago Vecino, explica orgulloso o que significa para a compañía ter rematado o ano cunha marxe de beneficios considerable: “nun marco tan inestable como o actual, acabar un exercicio en positivo é unha gran noticia, sobre todo cando para nos 2011 foi un ano de cambios”, ao que engade que “a nosa aposta polo desenvolvemento de tecnoloxía propia implicaba facer un esforzo plasmado no aumento do investimento e unhas novas oficinas que nos faciliten aumentar a nosa capacidade de innovación”.
Entre todos os proxectos que Emetel levou a cabo durante 2011 e que a fixeron destacar como unha das empresas máis punteiras do sector en Galicia, destaca a creación da plataforma de monitorización Insight, implantada xa en empresas como Navantia e o Grupo Lantero, e institucións públicas como a Deputación de Lugo ou o Concello de Ourense.
Para este ano 2012, os responsables das liñas de negocio da compañía avanzaron que van ampliar os seus servizos e campos de traballo, “reforzando a inversión en novas liñas estratéxicas” como a eficiencia enerxética, o marketing dixital ou a materialización dun convenio de colaboración coa Universidade da Coruña.

PUBLICIDADE