El Progreso súmase á plataforma virtual Kiosko y Más

martes, 18 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

El Progreso comezou esta semana con novidades tecnolóxico-dixitais referentes á súa arela, que vén de lonxe, de chegar a todo o mundo. E cando falamos de todo o mundo falamos precisamente diso. Isto materialízase grazas á incorporación de El Progreso á plataforma Kiosko y Más, unha iniciativa que vén da man de varias publicacións estatais que xurdiu co obxectivo de poñer a disposición da comunidade internauta a meirande cantidade posíbel de publicacións nos seus andeis virtuais. Polo tanto, a partir de xa, El Progreso xa ten o seu sitio neste punto de venda global, en virtude do cal os lectores poden mercar o seu exemplar do día por un prezo de 0,79 euros.
Como se pode supoñer, unha das grandes vantaxes de todo isto é a posibilidade que temos de dispor do exemplar de madrugada, “ao mesmo tempo que os exemplares de papel saen da rotativa”. Segundo informa El Progreso, acceder a esta feitura do xornal é ben doado. A través dun computador en liña, rexistrándonos e empregar un cartón de crédito a primeira vez que accede, co que logo se fan as compras de xeito automático e “cun só clic”. Polo que respecta aos dispositivos móbiles de Apple, deberemos usar a mesma clave que na tenda iTunes Stores. No caso dos trebellos con Android, versión 2.2, tamén teremos acceso a kyoskoymas.com, seguindo un proceso semellante aos devanditos. En base a isto, poderemos ter o xornal ao completo en formato pdf.

PUBLICIDADE