Educación comproba o bo funcionamento da súa tecnoloxía para invidentes

martes, 27 de xullo do 2010 Raquel Noya

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través de varios representantes da súa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, achegouse onte ata o Centro de Recursos Educativo (CRE) en Pontevedra, onde, a través dun Convenio de Cooperación Educativa para a atención das persoas con discapacidade visual, colabora coa ONCE.
Durante a visita ás instalacións do CRE, o director xeral de Educación, José Luis Mira, comprobou de primeira man todo o equipamento tiflotécnico co que conta o centro, é dicir, a tecnoloxía adaptada ás persoas con algún tipo de discapacidade visual que mellora o seu día a día e axuda á súa integración na sociedade.
Os equipos mixtos cos que conta o CRE galego contribúen na procura da normalización, inclusión e plena autonomía do alumnado con discapacidade visual, así como das súas familias, e permítelle acceder practicamente ás mesmas fontes de información e ocio que o resto da cidadanía.
O representante de educación estivo, asemade, no departamento de transcrición de libros de texto en tinta ao sistema braille, dende o que se atenden as demandas dos diferentes centros de Galicia.
Froito do devandito Convenio de Cooperación Educativa da ONCE e Educación é posible a existencia de equipos mixtos provinciais que suman un total de 20 mestres en Galicia, dos cales 14 son aportados pola ONCE e 6 pola Consellería. Os equipos apoian ao alumnado con discapacidade visual escolarizado en educación primaria e en 1º e 2º de secundaria, tanto en centros ordinarios como de ensinanza especial.
A Consellería amosa así o seu compromiso coa ONCE, segundo afirman, “de garantir a atención das necesidades das persoas con discapacidade visual, asegurando a súa formación, integración educativa e inserción na sociedade”.

PUBLICIDADE