Dous grupos do CITIC reciben este martes dous importantes galardóns en investigación estatística
luns, 14 de febreiro do 2022- Salvador Naya, Inés Barbeito, Javier Tarrío-Saavedra e Sonia Zaragoza, de esquerda á dereita
A
sede da Fundación BBVA en Madrid acolle este 15 de febreiro o acto
de entrega dos Premios de Estatística que convoca a Fundación e a
Sociedade de Estadística e Investigación Operativa, e a concesión
das Medallas Sociedad Estadística e Investigación Operativa. En
ambos os dous casos entregaranse os premios das edicións de 2020 e
de 2021 (pois non se outorgaron o ano pasado pola pandemia). A
UDC comunicou que serán recoñecidos polas súas importantes
contribucións tecnolóxicas dous grupos do Centro de Investigación
TIC, o CITIC.
O
reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asistirá a un acto
en que se entregarán dous premios a investigadores da UDC, un da
edición de 2020 e outro de 2021. Os investigadores da UDC, Inés
Barbeito Cal, Sonia Zaragoza Fernández, Javier Tarrío-Saavedra e
Salvador Naya Fernández, estes dous últimos adscritos ao Centro de
Investigación TIC da UDC, o CITIC, recibirán o Premio á Mellor
contribución aplicada cun impacto no ámbito social, innovación o
transferencia de coñecemento no campo da Estatística da edición de
2020 polo seu artigo Avaliación do confort térmico e a
eficiencia enerxética en edificios mediante control de calidade
estatístico para datos autocorrelacionados. Este artigo amosa
unha aplicación innovadora e interdisciplinaria no eido do control
de calidade estatístico. O procedemento, implementado na ferramenta
libre R, controla e supervisa o confort térmico e o consumo
enerxético dos edificios a partir de datos extraídos dunha
plataforma web de enerxía de análise ad hoc de información
a gran escala (Big Data), e calcula tamén
os aforros enerxéticos correspondentes.
- Desde a esquerda, María Amalia Jácome Pumar, Ana López Cheda e Ricardo Cao
Así mesmo, os investigadores Ana López Cheda, Ricardo Cao Abad, María Amalia Jácome Pumar, adscritos ao Centro de Investigación TIC da UDC, e Ingrid Van Keilegom, do Research Centre for Operations Researche and Statistics da Katholieke Universiteit Leuven, de Bélxica, recibirán o Premio á Mellor contribución metodolóxica no campo da Estatística da edición de 2021 polo artigo Estimación non paramétrica de incidencia e selección de ancho de banda Bootstrap en modelos de cura mestura. O artigo, inspirado nos datos sobre a supervivencia do cancro, propón un enfoque non paramétrico alternativo para modelar a supervivencia dos enfermos de cancro en que a proporción curada se incorpora ao modelo bioestatístico. Os autores, recoñeceu o xurado, “sobresaen no seu coidadoso tratamento teórico da combinación de pacientes curados e non curados, comparan o seu novo enfoque cos existentes e aplican o seu modelo mixto de supervivencia de cura a un conxunto de datos reais de pacientes con cancro de colon e recto”.