DivulgACCIÓN celebra o seu segundo encontro anual este venres

martes, 9 de xullo do 2013 Redacción

No mes de abril do pasado ano 2011, trinta divulgadores científicos xuntaban forzas e ideas de cara á formación da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT). Tratábase de persoas de eidos tan diversos como a docencia, a investigación, o xornalismo, os museos ou a empresa, deste xeito botaba a andar esta asociación, co propósito de encher o baleiro que rodea á difusión do coñecemento científico e tecnolóxico, amais de establecer os alicerces para acadar unhas boas prácticas profesionais, ofertar formación específica, e servir como punto de encontro e de debate entre os seus asociados. Emporiso, DivulgACCIÓN -nome abreviado desta entidade sen ánimo de lucro- vén de anunciar o seu segundo encontro anual que terá lugar o vindeiro venres 12 de xullo a partir das 17 horas na Casa das Asociacións de Cornes (Conxo, Santiago de Compostela).
Nesta xuntanza intercambiaranse experiencias e boas prácticas no ámbito da divulgación científica na nosa terra e renovarase a xunta directiva da asociación, amais de aprobar os orzamentos e o plan de actividades para o vindeiro período. Dicir que Código Cero tamén estará presente neste encontro, pois Marcus Fernández -webmaster desta publicación- falará dos 12 anos de vida do noso diario tecnolóxico, iso será a partir das 17 horas no marco do Bloque 1, Compartindo experiencias. Por último, informar que o evento estará aberto ao público xeral, agás as asembleas xeral e extraordinaria.

Programa de actividades
17:00 horas. Bloque 1: Compartindo experiencias
· 12 anos de Código Cero (Marcus Fernández) 15´
· Congreso Internacional de Nubes (Clara Bea) 15´
· Divulgare: como unir ciencia e arte para divulgar (Luís Navarro) 15´
· Divulgar na Web 2.0 (Francisco Doménech) 30´
18:30 horas. Bloque 2: Asembleas ordinaria e extraordinaria (45´)
19:30 horas. Bloque 3: Relatorio convidado-debate:
· 7 propostas de acción para a cultura científica (Manolo Gago) 60’’

PUBLICIDADE