Dispoñíbel para descarga a biografía de mulleres galegas sobranceiras impulsada polo CCG

luns, 18 de decembro do 2023 S. P.

O Álbum de Mulleres, a enciclopedia online de galegas sobranceiras impulsada polo Consello da Cultura Galega, están na cerna dunha nova publicación lanzada polo CCG. Trátase da obra Corenta mulleres tecendo xuntas, que nos achega á vida e ás contribucións de mulleres como Constanza de Castro, a filla rebelde do mariscal Pardo de Cela; a modista e emprendedora Rosalía Mera; a cantante María Valverde, ou a futbolista Irene González Basanta. Así até un total de 40 biografías.
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e mais Carme Adán, coordinadora do libro xunto con Montse Fajardo, presentaron este luns 18 de decembro a iniciativa. A obra, editada grazas a un convenio entre o CCG e a Deputación da Coruña, xa está dispoñíbel para a súa descarga.
“Decidimos escolmar corenta mulleres, unha por cada ano do Consello da Cultura Galega. É unha celebración para pechar este ano lembrando que a cultura galega sempre tivo mulleres, aínda que moitas veces temos que rabuñar para atopalas e ver as súas pegadas”, explicou Carme Adán durante a presentación.
Pola súa banda, a deputada Soledad Agra destacou que “neste libro hai un compendio de igualdade e lingua, dúas áreas fundamentais para seguir sacando da invisibilidade todas as referencias femininas que temos en Galicia e que non estiveron nos libros de texto da nosa literatura e da nosa historia”.
Montse Fajardo indicou que “optamos por aqueles nomes, de distintas épocas e temáticas, que puidesen ser máis descoñecidos ou, tamén, que ficasen inxustamente ligados á parcial etiqueta de esposas ou ex-esposas de”.
A obra inclúe corenta figuras, como Olga Gallego, que recompilou as vivencias das ourensás do Antigo Réxime; María Reguera, afeccionada á paleografía e firme defensora das mulleres no ensino, ou Teresa Vaamonde, que ingresou no corpo arquivístico durante a II República e, logo, durante a ditadura, viuse obrigada a renunciar ás súas ideas para non ter que abandonar o seu traballo. Réndese tamén homenaxe a figuras pouco coñecidas como Nicolasa Añón, campesiña analfabeta que chegou a ver recollidos os seus versos nun libro; Clara Corral Aller, poeta que publicou en galego no século XIX, ou Emilia Calé, que nese mesmo século foi xornalista.
Así mesmo, no libro recóllense as biografías de pioneiras nas artes plásticas, como Dolores Rodeiro, tallista de imaxes relixiosas en madeira e primeira muller que obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña en 1881. Hai tamén deportistas, como a futbolista Irene González Basanta, precursora na práctica do fútbol non só en Galicia, senón no mundo durante os anos vinte. Outra pioneira que se recolle nesta publicación foi Constanza de Castro, que en pleno século XV, cando nin América existía aínda para Europa, logrou exercer un importante dereito para as mulleres: a disolución do seu primeiro matrimonio.
Todas as biografías que se inclúen nesta publicación forman parte do Álbum de Mulleres, que hoxe está incorporado no Álbum de Galicia, e reprodúcense íntegras no libro impreso, que inclúe tamén un código QR co fin de facilitar o acceso ao repositorio web para consultar documentos, ligazóns, vídeos e outros materiais.


PUBLICIDADE