Dinahosting estrea novo panel de control
martes, 8 de maio do 2018
Dinahosting
estreou co inicio deste mes de maio un novo Panel de Control, en
palabras da empresa de aloxamento web emprazada en Vista Alegre
(Santiago) “unha ferramenta moito máis doada de usar, rápido e
con deseño adaptábel a dispositivos móbiles”. Ademais, salienta
por ofrecer unha interface máis limpa e intuitiva, mantendo o mesmo
estilo doutras ferramentas actuais “con selo Dinahosting” como
TomaTransfer, o novo servizo de correo da empresa compostelá ou,
tamén, a páxina web de seu. Iso si, para quen precise de máis
tempo para adaptarse ao novo servizo, os responsábeis de Dinahosting
permítelles usar (por agora) ambos os paneis de maneira indistinta.
A
nova ferramenta, nun plano máis detallado, artéllase nos seguintes
bloques de información: buscador, alertas de renovación e
traslados, últimas novas publicadas no blog, buscador de dominios e
ligazóns á web de hosting, VPS, dedicados e cloud.
Polo
que se refire a funcionalidades “estrela”, permítenos facer
cousas como revisar todos os proxectos que estamos a crear,
achegar a nosa opinión (e unirnos á discusión) ou tomar accesos
directos a dinahosting.com,
TomaTransfer,
CreoWebs e o webmail.
Asemade, achéganos o noso teléfono de contacto, a nosa conta de
correo de soporte, servizo Skype e acceso
directo al chat. Por outra banda, ao desaparecer a vista por
xanelas, a información estrutúrase en tres menús: menú superior
(dende o que poderemos facer as nosas xestións como usuario, engadir
ou suprimir contactos, establecer preferencias e responder a avisos),
o panel de facturación (para a xestión de facturas, renovacións e
métodos de pago, permitíndonos facer outras accións secundarias
como cambios de servizos entre usuarios ou a revisión das nosas
compras na gráfica) e dashboards de servizos (para acceder
aos diferentes servizos que temos contratados).