Diferentes vertentes da eSaúde serviron de fío temático ao un novo Almorzo TIC Talk

xoves, 2 de marzo do 2023 S. P.

Este martes, 28 de febreiro, celebrouse no Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña unha nova sesión dos Almorzos TIC Talk, nesta ocasión mostráronse as liñas de investigación nas que traballan Elsa Martín de Arribas e Mateo Gende Lozano, os dous centrados no que se coñece como eSaúde (onde conclúen tecnoloxías avanzadas e investigación e atención médica).
En primeiro lugar, Elsa Martín presentou os detalles do traballo Desenvolvemento dun pipeline bioinformático para profundar no coñecemento da relación entre a microbiota e o cancro colorrectal. Nesta investigación utilízanse técnicas de secuenciado masivo de última xeración para analizar mostras de feces, saliva, mucosa intestinal e tecidos tumorais de pacientes con cancro colorrectal antes e despois do tratamento. O obxectivo, dixo, é “tentar identificar poboacións de microorganismos que melloren a resposta aos fármacos antitumorais e atenúen os efectos secundarios”.
Pola súa banda, o investigador Mateo Gende Lozano, coa súa charla Diagnóstico oftalmolóxico e oculómica a través da IA, falou da súa investigación centrada no uso da IA con métodos de aprendizaxe multitarefa na precisión dos diagnósticos de doenzas oculares a través da análise de imaxes da membrana epirretiniana.
Os Almorzos TIC Talk reúnen o último martes de cada mes ao persoal investigador do CITIC que se atopa nas primeiras estadías da súa carreira investigadora, coa finalidade de potenciar a transversalidade e promover posíbeis colaboracións.

PUBLICIDADE