Denuncian que as tarifas móbiles ilimitadas Vodafone baixan a velocidade ao superar os 400 GB

luns, 13 de maio do 2019 Marcus Fernández

O lanzamento das tarifas con datos móbiles ilimitados por parte de Vodafone foron todo un revulsivo para a banda larga móbil en España, xa que trasladaban ao contorno móbil unha estrutura de tarifas máis propia da banda larga fixa, na que a limitación non está no volume de datos transferidos senón na súa velocidade, pero comezan a xurdir voces que apuntan a que realmente as novas tarifas ilimitadas de Vodafone si terían certa limitación en volume de tráfico.
Os usuarios que denuncian os límites das tarifas ilimitadas aseguran que tras descargar aproximadamente 400 GB de datos dende o móbil reciben unha mensaxe de texto asegurando que detectaron un uso abusivo da tarifa e redúcese a velocidade da súa conexión.
Cómpre salientar que non hai confirmación de que o límite denunciado sexa real, e tamén é difícil xustificar tal volume de transferencia de datos dende o móbil sen incumprir as condicións da conexión contratada (que está orientada a dispositivos móbiles e non para compartir a conexión con outros equipos), xa que 400 GB de datos a través dun smartphone é algo extraordinariamente difícil de conseguir incluso cun consumo audiovisual intensivo, polo que resulta prudente esperar para ver se realmente existe un límite efectivo das ilimitadas de Vodafone ou estamos simplemente ante casos illados.

PUBLICIDADE