Denuncian que Google rouba as letras de cancións publicadas por Genius

luns, 17 de xuño do 2019 Marcus Fernández

A páxina web especializada en letras de cancións Genius está a acusar a Google de roubarlle os seus contidos, xa que nos resultados de busca en numerosas ocasións está a amosar un recadro con letras de cancións que terían sido copiadas literalmente da súa páxina web, como demostraron mediante un código oculto.
A marca de auga empregada por Genius nas letras das cancións consistiu en xogar cos apóstrofos presentes en moitas cancións, xogando coa dirección de tal signo gráfico, detalle que pasaría desapercibido que aproveitaban para camuflar mensaxes en código morse que indicarían a autoría das letras das cancións que en moitas ocasións estaban a ser buscadas por amantes da música que tiñan problemas para comprender o que din en certos temas (algo bastante habitual en xéneros como o hip-hop).
O tráfico de Genius foi caendo radicalmente nos últimos anos, e culpan directamente a Google de tal problema, xa que o buscador está a competir directamente con eles, pero o máis grave do asunto é que empregaría os mesmos contidos sen a autorización necesaria, o que terían notificado a Google dende 2017.
Google deféndese asegurando que os paneis informativos que presentan nos resultados de busca amosan contidos adquiridos mediante licenzas de socios, ou sexa, que non son creación de Google. Ao parecer, sería a compañía canadense LyricFind a que achegaría as letras das cancións a Google, empresa que asegura non ter a Genius como fonte dos seus contidos, pese ás probas irrefutables presentadas por Genius, polo que este caso deberá someterse a unha profunda investigación.
Este tipo de prácticas de Google non só serían problemáticas no que se refire a subtracción de contidos, senón tamén no que podería considerarse como unha práctica anticompetitiva, xa que cando nos resultados de busca amosan directamente letras de cancións están a dar prioridade a un contido propio fronte ás numerosas páxinas web que teñen este tipo de contido como a súa actividade principal, e que basean o seu modelo de negocio na venda de publicidade que conseguen en boa medida grazas ao tráfico achegado por buscadores en liña.

PUBLICIDADE