Defenden na Ourense ICC Week a supervivencia da industria da música na xungla dixital
venres, 4 de maio do 2018
Segue adiante a semana Ourense ICC Week, co seu
completo programa de actividades arredor da creatividade e a
innovación, cunha parte importante de accións ligadas directamente
ao dixital. Por exemplo o evento ICC Gamers, que comezou onte,
acubillando dúas grandes quedadas: ICC Technium R Encounter e ICC
eSports. Celébranse no Campus de Ourense até o domingo e son, ante
todo, dous grandes espazos comunitarios para compartir coñecemento e
mostrar as últimas tendencias en videoxogos e deportes en liña.
Segundo
nos conta a organización da ICC Week, a Deputación de Ourense, na
xornada de onte, amais de videoxogos, tamén houbo humor,
creatividade dixital a esgalla e un oco para reivindicar o futuro da
industria da música na era das redes.
Así, tala xornada da mañá no Mosteiro de San
Pedro de Rocas, onde se debateu sobre o patrimonio rupestre europeo,
as actividades trasladáronse ata o Centro Cultural Marcos Valcárcel
para falar sobre a Supervivencia na xungla dixital, onde
participaron os músicos e compositores, Nacho García Vega e Luis
Mendo, quen fixeron unha análise do panorama e as oportunidades que
ofrece o entorno dixital, diferenciando os dereitos dos artistas e
intérpretes, dos dereitos de autor, e ofreceron a súa opinión da
situación actual da música coa chegada de Internet.
Luis Mendo reclamou que “haxa unha remuneración
xusta para os intérpretes. Cando unha persoa accede a unha
plataforma dixital, pagando ou non, os creadores debemos ter a
remuneración xusta”. Asemade, dixo que a situación actual é
difícil pois “agora ninguén copia un CD, levamos a música no
móbil, e estes dereitos son unha parte fundamental nos ingresos que
percibe o artista ou intérprete”.
Pola súa parte, Nacho García Vega, centrou o
tema na industria da música no entorno dixital e recoñeceu que se
ben escóitase “máis música que nunca”, a parte creativa e a
interpretativa foron perdendo valor. “Os hábitos son distintos”,
engadiu, “e agora hai unha tendencia á espontaneidade e á
prontitude". Asemade, García Vega destacou que antes había
multitude de compañías de discos, agora tres grandes multinacionais
e un panorama de selos independentes, que arriscan".
Programación para hoxe
Esta sexta feira, 4 de maio, as actividades
trasladaranse ao mosteiro de San Clodio, en Leiro, onde a partir das
10.30 horas, falarase da creatividade e do sector TIC, baixo o título
Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento. Abrirá a xornada
a directora de Imaxin Software, Luz Castro, quen falará da
gamificación e software galego. Ás 11.30 horas, será a
enxeñeira e deseñadora gráfica, Cynthia Gálvez, quen ofrecerá un
relatorio sobre AV. VR. MR.: Alén da tecnoloxía, e rematará,
ás 12.30 horas, a avogada e policy manager, Sara Rodríguez,
falando de economía colaborativa.
Posteriormente, ás 13.00 horas, as actividades da
Ourense ICC Week continuarán no pavillón do Campus de Ourense coa
inauguración oficial da ICC Technium R Encounter, na que
participarán o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar;
o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; o
vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; a directora
xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez;
e o director xeral de R, Alfredo Ramos.
Pola tarde, ás 16.30 horas, será a quenda para
os máis cativos cunha xornada de cultura contemporánea para nenos,
no marco da ICC Kids. Estamos a falar da actividade Xogas ou
traballas?, que terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel,
e correrá a cargo dos youtubeiros @Chincheto77 e @Tonacho que
explicarán como fixeron da súa paixón a súa profesión.
Ás 18.00 horas, as actividades trasladaranse ao
Liceo de Ourense onde será protagonista o sector audiovisual. Alí o
presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, e
a directora e guionista de cine, Gracia Querejeta, falarán Do
papel á pantalla: a traxectoria dunha muller creativa. E, nese
mesmo centro, ás 19.30 horas, será a quenda para Autores e
Creadores coa entrega do galardón Premio MUSA SGAE a cargo do
presidente da SGAE, José M. Sastrón, ao músico e compositor de Los
Suaves, Yosi Domínguez. A xornada rematará con música, ás 21.00
horas, no Teatro Principal, co concerto de Mikel Erentxun.