Daniel Cerqueiro salienta en Pontevedra que a revolución dixital está a favorecer un “mercado máis xusto”

xoves, 4 de decembro do 2014 Redacción

Daniel Cerqueiro, xerente da empresa galega Abertal e experto en mercadotecnia dixital (en Abertal e tamén en Galinus, da que foi fundador), foi o encargado de abrir os días pasados unhas xornadas sobre redes sociais no Campus de Pontevedra, máis polo miúdo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Segundo fixo saber ao comezo do seu relatorio facendo referencia aos cambios que están a imprimir os servizos 2.0 no noso xeito de consumir e producir, “estamos nun intre de revolución absoluta”. Segundo engadiu, afondando nesta idea, as ferramentas que permiten a calquera persoa crear e difundir contidos a través da Rede teñen varias consecuencias e unha delas é a seguinte: as empresas non poden controlar xa a súa comunicación, que está agora en mans dos usuarios. Polo tanto, xa non vale con desenvolvermos un servizo ou un produto e asegurar de palabra a súa calidade. Agora máis que nunca ten que ser de verdade útil e bo.
Neste primeiro relatorio das xornadas sobre redes sociais organizadas pola delegación de alumnado da devandita Facultade, Cerqueiro quixo facilitar entre os asistentes unha visualización máis clara dos cambios dos que estamos a ser testemuñas (e actores) e, emporiso, lembrou os tempos nos que existían só dúas canles de televisión “e o mellor xeito de dar a coñecer un produto ou servizo era pór un anuncio no Un, dos, tres, que víao a metade da poboación”. De cinco anos cara ao noso presente, isto non é que sexa xa imposíbel, é que sería inútil. “Agora”, dixo, “todo é inmediato, e iso ten as súas vantaxes, xa que as empresas poden testar rapidamente os seus produtos e o seu modelo de negocio, pero tamén ten unha parte complexa de manexar, que é que estás a mercé dos usuarios”.
Ao seu xuízo, todas estas transformacións, como era de agardar, están a provocar certo medo nalgunhas empresas: o medo ao que dirán. Porén, hai outra parte de compañías que están a ver unha clara oportunidade no que sobre o papel podería ser un problema, e bótanse a empregar as redes sociais de xeito moi intelixente. De feito, bótanse de chego a abrir as portas de usuarios e lectores para que sexan eles mesmos os que xeren contidos e logo difundilos. Este fenómeno, dixo, “resulta evidente en ámbitos como o turismo, no que a ocupación dos hoteis ten unha relación directa coa súa puntuación en Booking ou Tripadvisor”. Neste senso, Cerqueiro concluíu que este novo ecosistema ten como resultado “un mercado máis xusto”, xa que se pasou dos tempos nos que o primordial era dispor de diñeiro para acadar unha “presenza mediática importante” a unha contorna na que “todos temos acceso a unha información que nos permite consumir con máis responsabilidade e calidade”.

PUBLICIDADE