Culturgal 2012 dará acubillo a 140 actividades de participación, unha boa parte delas ligadas ás TIC
mércores, 7 de novembro do 2012
- Presentación de Culturgal en rolda de prensa
Tal
e como
avanzamos este martes 6, a edición 2012 de Culturgal,
a Feira das Industrias Culturais de Galicia, xa está plenamente
definida. Celebrarase unha vez máis no Pazo da Cultura de
Pontevedra, desta volta do 30 de novembro ao 2 de decembro, con
acceso de balde e xirando, tematicamente, arredor das seguintes
cuestións: música, literatura, cinema, televisión, teatro, danza,
circo, maxia e (colléndonos ben de preto) novas tecnoloxías da
información. Contarase cun orzamento inicial de 250 mil euros, un
15% menos que en 2011. Ao fío disto, a organización sinalou na
rolda de prensa deste martes que Culturgal constrúese cun 25% do
orzamento medio de calquera outro evento da maneira. Sobre a cuestión
que nos ocupa, as novas ferramentas (TIC), sinalar que se
contará unha
vez máis coa colaboración de EGANET
e darase acubillo a
dez actividades directamente relacionadas coa cuestión, amais de
unha longa listaxe de accións (obradoiros, relatorios, menús
degustación)
ligadas de xeito indirecto.
Culturgal
contará con
70 entidades expoñendo os seus produtos e servizos na feira, máis
de 300 profesionais acreditados, unha programación profesional con
máis de 40 de relatores nacionais e internacionais e máis de 140
actividades para todos os públicos, “o
fogar da cultura galega que é Culturgal segue asentándose como o
máis completo espazo de encontro e difusión do sector cultural
galego”,
segundo afirmou no
encontro cos medios da información Sergio
Lago, director da Feira. Desas máis de 140 actividades (10 máis có
ano pasado), 83 son para público xeral, 28 para familiar e 26 para
profesional. Por disciplinas: 35 están relacionadas coas artes
escénicas, 31 coa música, 28 están co libro, 10 co audiovisual, 10
con TIC e 23 conxugan varias destas disciplinas. Lago recordou que se
trata dun programa “construído
colectivamente por todo o sector: 88 entidades propuxeron 156
actividades para o programa oficial de Culturgal 2012, o programa
familiar realizouse en colaboración coa comunidade educativa local,
medio cento de asociacións e colectivos traballaron con nós man a
man do deseño do programa do Foro Culturgal e moitas delas
aproveitarán a Feira para celebrar os seus propios encontros e
asambleas”.
Do
programa xeral, á
vista na web de Culturgal,
Lago salientou
o asento definitivo das conversas de salón, que este ano realizarán
os xornalistas Xosé Manuel Pereiro, María Solar, Alberto Ramos e
Belén López e que contarán coa presenza, entre outros moitos, de
Luís Tosar, Ignacio Escolar, Agustín Fernández Paz, Manuel
Lourenzo González, Teresa Moure, María Reimóndez e Rexina Vega.
Tamén visitará o salón de Culturgal Manuel Rivas, que lerá un
fragmento de As
voces baixas e
estarán presentes os e as autoras dos grandes premios e lanzamentos
editoriais do ano.
“No
punto no que se tocan a literatura e as artes escénicas (cuxa
presenza na feira segue medrando), Culturgal situarase como a porta
de entrada ao ano de Roberto Vidal Bolaño, co lanzamento de varios
proxectos de difusión da súa obra”,
engadiron
os responsábeis da feira.
Ademaís,
as artes escénicas estarán moi presentes no Cuarto dos nenos, por
onde pasarán, entre outros, Elefante Elegante, Baobab Teatro,
Caramuxo, Babaluva, Quinquillans, Fantoches Baj e Os sete magníficos
máis un. Noutros espazos da feira estarán Kukas, Talía, Inversa
Teatro, Funboa Escénica, Dinamo e outras moitas propostas escénicas,
compartindo escenario con nomes imprescindibles da música galega
actual, como Uxía, Xacobe Martínez Antelo, Xurxo Souto, Xabier
Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero, Sés,
O Leo, Bocixa, Emilio Rúa, Xoán Curiel, Silvia Penide, Linho do
Cuco ou os irreverentes Os da Ría.
Polo
Garaxe, “o
espazo revelación de Culturgal 2011”
segundo
explicaron os organizadores da feira,
pasarán os protagonistas do audiovisual galego, os proxectos TIC
máis innovadores, as propostas máis novidosas e creativas
(comisariadas pola publicación de tendencias Disquecool) e os
proxectos pensados por e para o procomún (que este ano centrarán a
programación do Faiado, comisariado por Fur Alle Falle).
Alianza
de sectores galegos
Culturgal
está organizado por unha entidade da que forman parte as asociacións
profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de
Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas
(Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas
(Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas
Tecnoloxías (EGANET), Asociación Galega de Produtoras Independentes
(AGAPI). A Feira conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través
da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do
Concello de Pontevedra e do Ministerio de Educación, Cultura e
Deporte e conta coa colaboración de máis de 30 entidades e
empresas.