Convocada na Rede a primeira Reunión Galega de Blogogastrónomos

mércores, 25 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Do Diario do Gourmet de Provincias e Perro Gastronómico xa temos falado nalgunha ocasión en Código, mais agora toca de novo facelo porque neste blog galego está o xermolo do que podería ser un tipo de actividade culinario-internauta abondo innovadora e que, seguindo un pouco na liña de xuntanzas (no plano físico) orixinadas no plano virtual (a rede galega) introduce este elemento distintivo: o gastronómico como fonte de amizade e entendemento entre blogueiros, comunidades, países, nacións e culturas.
Estamos a falar do proxecto da primeira Reunión Galega de Blogogastrónomos, que abranguería nun principio ós autores dos até o de agora poucos espazos web galegos que tocan este tema (Colineta, De Pinchos, o devandito Diario do Gourmet de Provincias e Galiciagastronómica.com) para probablemente pasar logo a servir de ligazón con internautas (moitos, a fin de contas) interesados en todo o relacionado cunha boa xantada (posiblemente non haxa mellor reclamo que unha mesa rebordante de cousas boas a unha hora na que a fame aperta). Así, o devandito encontro está aberto á participación doutros blogueiros, sempre e cando se cumpran certos requisitos:
· Poderá acudir calquera persoa que manteña un blog sobre gastronomía ou no que se fale a cotío de temas gastronómicos-culinarios, así como quen escriba ou colabore en medios nos que se traten este temas.
· A reunión é galega e está organizada na terra, pero fica aberta a calquera participante que teña interese abondo en vir… e dende calquera parte do mundo!
Por certo que a data para a reunión aínda está por decidir e, para o lugar, os organizadores ficarán atentos estes días a tódalas suxestións que se fagan, elixindo finalmente un punto de encontro que sexa de recoñecida calidade e que, amais, estea o máis accesible posible para o meirande número dos comensais. No blog do Gourmet de Provincias inclúense unha serie de opcións. Sexa como sexa, para ir diminuíndo as posibilidades de perder bocado e asegurar un sitio na mesa, cómpre ir pondo en contacto coa organización, a través do correo electrónico gourmetdeprovincias@gmail.com.