Conde visita a sede de Triple Alpha, referente do Big Data industrial dende Padrón
venres, 11 de febreiro do 2022
O
vicepresidente económico e
conselleiro de Economía, Francisco Conde, visitou este venres 11 de
febreiro a sede da empresa tecnolóxica de Padrón Triple Alpha, en
Escravitude (Padrón). Segundo fixo saber, a firma de Big Data
industrial é “un exemplo do potencial que ofrece o rural galego
para emprender máis alá da actividade agroindustrial, primando
novos sectores e novos produtos e mercados”.
Conde
visitou as instalacións desta empresa especializada na análise de
datos aplicada ao ámbito industrial, que naceu en 2018 e xa conta
con 13 empregados. Unha empresa, dixo, “que traballa onda os
sectores estratéxicos de Galicia, fundamentalmente, o
agroalimentario, o lácteo, pero tamén a automoción” (de feito
foi seleccionada para participar na edición deste ano da BFAuto).
O
vicepresidente económico salientou que “é un exemplo de como o
emprendemento no medio rural é unha realidade en Galicia” e “de
como se poden desenvolver proxectos cara á industria para xerar
valor engadido a través do tratamento de datos e a aplicación das
novas tecnoloxías”, que é o eido de actividade de Triple Alpha
dende a súa posta en marcha, hai catro anos e “con resultados moi
importantes de aforro económico para as empresas e de mellora nos
seus procesos produtivos”.
Triple
Alpha, segundo Conde, “é un proxecto que conxuga o emprendemento
innovador co medio rural”. Por iso foi unha das empresas
beneficiarias en anteriores convocatorias do programa Galicia
Emprende Rural que, xustamente, apoia iniciativas de emprendemento no
rural ao marxe do sector primario, vinculadas ás novas tecnoloxías
e á dixitalización. Este programa de axudas ten aberto ata o
vindeiro 8 de marzo o prazo de solicitudes da súa próxima edición,
cun orzamento de 2M€.