Conde e Miñones destacan que a Cidade das TIC será o gran revulsivo económico e transformador de Galicia e España

mércores, 1 de decembro do 2021 S. P.

Esta mañá formalizouse na Coruña a sinatura do convenio para elaborar o plan director e a constitución da estrutura de co-gobernanza da Cidade das TIC, o proxecto para converter a antiga Fábrica de Armas nun referencial (a nivel galego, estatal e internacional) centro de innovación, desenvolvemento e emprendemento directamente ligado ás novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación. O convenio foi asinado pola Universidade da Coruña, a Deputación, o Concello, o Clúster TIC e máis a Xunta (Consellería de Economía).
O acto celebrouse na antiga Fábrica de Armas da Coruña. En concreto, rubricaron o documento o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde López; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; a alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey García; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.
Ao acto asistiu tamén o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a directora do Campus Innova da UDC, Susana Ladra, así como outros membros da comunidade universitaria e representantes do sector empresarial.

Conde salientou a unidade de acción

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, destacou que a unidade de acción a nivel institucional e empresarial fará “da Cidade das TIC un revulsivo da economía tanto da comarca coruñesa como de Galicia no seu conxunto”. Na súa intervención, explicou que este convenio xorde da colaboración público-privada co obxectivo de asegurar a viabilidade e sustentabilidade deste proxecto que aspira a converterse, desde a antiga Fábrica de Armas da Coruña, nun polo tecnolóxico e de innovación dixital referente a nivel nacional e internacional. Amais destacou o investimento mobilizado (180.000 euros, dos que a Xunta achega 36.000 euros a través do IGAPE) e importancia decisiva do acordo asinado este 1 de decembro, “un acordo que sentará os alicerces da colaboración para materializar este proxecto no menor tempo posíbel, establecendo tanto unha folla de ruta como o cadro de mando”.
O vicepresidente económico deixou constancia do compromiso da Xunta de Galicia coa Cidade das TIC, un dos proxectos incluídos na candidatura galega co que se agarda obter o apoio do Goberno central a través dos fondos europeos Next Generation e co que se pretenden mobilizar 55 millóns de euros para implantar un campus tecnolóxico, unha incubadora de alta tecnoloxía, un centro demostrativo de servizos avanzados, un centro de formación, así como ofrecer espazo ás empresas.
Neste sentido, lembrou que a Administración autonómica xa concedeu 4,82 millóns de euros para impulsar o Centro de Servizos Avanzados –dentro do programa galego de impulso aos centros de fabricación avanzada– para a posta en marcha de laboratorios en materia de Intelixencia Artificial ou Internet das Cousas. Ademais, salientou que o Goberno galego autorizou a sinatura dun convenio co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) por importe de 1,16 millóns de euros (dos que a Xunta achega 580.000) para implantar na Cidade das TIC a infraestrutura Galaxy-Lab, que actuará como centro de experimentación de vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas, o que permitirá de paso complementar o labor do Polo Aeroespacial de Galicia.

José Miñones di que a Cidade das TIC será protagonista da transformación dixital española

Entre os persoeiros que participaron este primeiro de decembro na sinatura atopábase o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen amosou o seu convencemento de “que a futura Cidade das TIC da Coruña será protagonista do proceso de transformación dixital que está impulsando o Goberno de España”.
No acto de formalización do convenio de co-gobernanza deste novo parque tecnolóxico, José Miñones trasladou aos seus promotores o apoio do Goberno para que se beneficie das diferentes liñas de financiamento incluídas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e que suman máis de 10.000 millóns de euros. “Imos poñer en marcha un plan nacional de competencias dixitais e un plan de dixitalización de pemes e administracións públicas. Seguiremos apostando pola conectividade e o 5G e a ciencia, a investigación e a innovación, van ter un protagonismo destacado para as TIC e as universidades”, engadiu.
A Cidade das TIC situarase en terreos cedidos polo Ministerio de Defensa onde ata febreiro de 2020 estaba a Fábrica de Armas da Coruña. José Miñones detallou que este foi un dos primeiros compromisos cumpridos do Goberno no Concello da Coruña, cun valor estimado de mercado de 50 millóns de euros.
O delegado lembrou que este logro “foi froito dun arduo traballo para a liberalización das instalacións”. De feito, dixo, “poucos días despois de producirse o desaloxo, en febreiro do ano pasado, o Ministerio de Defensa asinou a cesión dos 128.000 metros cadrados (ampliábeis) á Universidade da Coruña”.

PUBLICIDADE